O Bloque Nacionalista Galego defenderá a incorporación dunha partida de 100 millóns de euros aos Orzamentos do Estado para 2023 -que se sumarían aos xa previstos- co obxectivo de converter Navantia nun complexo industrial integral, incorporando a construción naval civil, o que aumentaría a carga de traballo e o número de postos de traballo na comarca de Ferrol. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, aclara que a súa organización aínda non ten decidida posición da votación final do proxecto de Orzamentos dado que aínda está pendente do resultado da negociación para aumentar o investimento na Galiza e o gasto en política social en detrimento do incremento en gasto militar que propón o Goberno de PSOE e UP.
Segundo explica Néstor Rego, mentres PSOE e PP se empeñan en limitar a actividade de Navantia na construción naval ao ámbito militar, o BNG presenta unha emenda de 100 millóns de euros para converter Navantia nun complexo industrial integral “que diversifique a súa actividade e a sustente na construción naval civil”.
A emenda presentada para o proxecto de transformación de Navantia nun complexo integral, defende o deputado nacionalista, concreta a proposta de optimización e plena actividade dos estaleiros da Ría de Ferrol. Con este fin, hai que garantir a posesión de infraestruturas precisas para o acceso a todo tipo de actividade: civil, militar, reparacións, turbinas etc. O deputado nacionalista aclara que a encarga das fragatas F-110 é firme, mais é preciso avanzar porque “o que realmente garantiría a continuidade da actividade e dos postos de traballo na comarca de Ferrol é abrir Navantia a construción naval civil”.
Renuncia ao aumento do gasto militar
“O BNG critica o incremento do gasto militar desorbitado que se produce a partir destes orzamentos de 2023. É inxustificábel que a prioridade do Goberno de PSOE/UP sexa aumentar 3 mil millóns de euros o gasto militar nun contexto de crise social e económica” asevera Rego. “Estamos falando de partidas que suman 17 mil millóns de euros nunha programación plurianual entre 2023-2029. É practicamente 1,5% do PIB de incremento” recrimina.
Segundo os datos achegados polo Centro Delàs de estudos pola paz, se sumamos ao orzamento do Ministerio de Defensa o gasto militar que existe noutros ministerios xa estaríamos en 22.000 millóns de euros (1,8% do PIB) polo que ao final da programación plurianual poderíamos estar a falar de 3.2% do Produto Interior Bruto destinado ao gasto militar. “Cerca de 40 mil millóns de euros. Unha absoluta barbaridade nun momento en que hai necesidades perentorias en políticas sociais, en aumentar as axudas existentes, reforzar os servizos asistenciais, mellorar servizos públicos como a educación ou a sanidade ou fomentar a actividade económica e o emprego” sinala Rego.
O deputado nacionalista denuncia a actitude demagóxica do PSOE, que critica o BNG por rexeitar o incremento dos orzamentos de defensa argumentando que iría en contra da creación de emprego en Navantia-Ferrol. “As fragatas F-110 xa están orzamentadas a partir do ano 2015 e o aumento do gasto militar que se inicia en 2023 prodúcese fundamentalmente na adquisición de avións e helicópteros de combate -12.200 millóns de euros en 5 anos- ou a compra de mísiles e sistemas de comunicación -preto de 5.000 millóns-” afirma Rego.
Unha compra de armamento, sinalou o deputado nacionalista, que beneficiará fundamentalmente o complexo militar industrial norteamericano. “ Un exemplo, son os mísiles PATRIOT PAC 3, que fabrica o coñecido contratista militar LOCKHEED MARTIN, e ao que se van destinar 1.389 millóns de euros”
“O BNG emenda o capítulo de gasto militar precisamente porque entendemos que a prioridade neste momento debe ser outra, as políticas sociais e de reactivación da actividade económica e de creación de emprego” afirma o deputado.
Diálogo, negociación e votación final
Néstor Rego denuncia as intervencións demagóxicas tanto de PP como PSOE en relación coa posición do BNG sobre os Orzamentos do Estado. Por unha parte, a Secretaria Xeral do PPdeG afirmando que o BNG votara si aos Orzamentos, cando o que aconteceu é que votamos en contra das emendas á totalidade da dereita e a ultradereita. Por outra, unha deputada do PSOE que falaba da decisión de non apoialos. “O BNG é moi crítico co proxecto do Goberno polo estancamento do investimento na Galiza, a falta de vontade por levar a cabo verdadeiras políticas sociais e o aumento do gasto militar, mais tamén dixemos que estamos abertos á negociación, desde a firmeza na defensa dos intereses de todos os galegos e galegas”, explica Rego. “Se o PSOE xa dá por feito que non imos apoialos, será porque non teñen ningunha vontade de melloralos”, Ironiza o deputado nacionalista.