BNG denuncia que 120.000 fogares afectados pola suba de xuros hipotecarios en Galiza terán que aguantar “o tirón” sen axuda do goberno galego
O deputado do BNG, Ramón Fernández denunciou, a través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, que 120.000 fogares galegos terán que aguantar “o tirón” da suba dos intereses hipotecarios “sen ningunha axuda da Xunta”.
O nacionalista explicou que o EURIBOR, a 12 meses, pechou o mes de xaneiro no 3,33% marcando o nivel máis alto desde o ano 2008, e o Banco Central Europeo xa anunciou unha nova suba dos tipos de xuro, de 0,5 puntos, ademais de avanzar que esta tendencia continuará mesmo alcanzando os 4 puntos no mes de marzo.
Esta suba de intereses afecta a todas as persoas cunha hipoteca contratada con un tipo de xuro variábel, que son “a maioría das hipotecas vivas a día de hoxe”. Nesta clase de hipotecas o tipo de xuro recalcúlase cada certo tempo e na maioría dos casos unha vez ao ano.
O nacionalista advertiu que o tipo de xuros a partir do EURIBOR do primeiro mes do ano experimentaron unha suba na cota mensual de entre o “35 e o 60 por cento”, dependendo da cantidade do préstamos, antigüidade da hipoteca e diferencial sobre EURIBOR contratado.
Por outra parte, dixo, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, “máis de 175.000 fogares galegos teñen hipotecas” das que unha maioría foron contratada a tipo variábel. Se estima, engadiu que “o 70%, máis de 120.000, poden estar afectadas” e cunha suba de entre 180 euros a 300 euros na cota mensual.
O Goberno galego debe actuar e presentar alternativas a suba de xuros
A xuízo do deputado, a situación xerada pola suba dos intereses hipotecarios debe preocupar ao goberno galego porque se produce nun momento de inflación disparada e cunha grave perda de poder adquisitivo dos salarios, “sobre todo aquí na Galiza”, superior á media estatal. O IPC galego, explicou Mon Fernández rematou o ano co 6,4% fronte ao 5,7 estatal e o encarecemento das hipotecas súmase “a unha renda xa reducida” na maior parte dos fogares.
O deputado criticou que a gran beneficiada polo aumento de xuros é “a banca” con beneficios récord como confirmaron algunhas entidades entre as que destacou ao BBVA, con 6.420millóns de euros de beneficios, os máis altos en 14 anos, ou o Banco Santander con 9.605 millóns de euros, o seu récord histórico, e que serán destinados sobre todo a reparto de dividendos e recompra de accións, é dicir, a “mimar aos seus accionistas”, non a crédito nin a impulsar a economía.
As consecuencias da crise e da suba de hipotecas deberían facer que o goberno galego reaccione pero, unha vez, afirmou o nacionalista, atopamos un goberno que responde con escusas e culpabilizando ao goberno central. Nesta liña, destacou que o BNG “ non está a favor das medidas do goberno do estado no referido ao código de boas prácticas ao que se foron adherindo as entidades bancarias e que basicamente promoven acordos de reestruturación da débeda e en última instancia a dación en pago”. E non entendemos como a Banca non devolve todo o parte do diñeiro recibido en concepto de rescate nun contexto de crise e no que urxe impulsar a economía.
Tras a intervención do Director Xeral de Política financeira, David Cabañó Fernández que eludiu comprometer ao goberno galego a aplicar medidas para rescatar ás persoas gravemente afectadas pola suba das hipotecas, o nacionalista, replicou que o goberno galego cínguese a “compartir as previsión dos analistas sobre a evolución dos tipos de xuro” pero non ofrece ningunha alternativa para protexer ás persoas afectadas.
Na réplica a Cabañó, o deputado foi especialmente crítico coa Xunta na súa valoración positiva do Código de boas práctica e diálogo entre o goberno e as entidades bancarias, “mira ti por onde”, ironizou.
Unha vez máis, dixo, constatamos como o Goberno galego non ten previsto actuar, “non quere facer nada e a Xunta nin está nin se lle espera”.
A xunta non se pronuncia sobre si vai recuperar o diñeiro do rescate bancario e utilizalo para “recatar ás familias”. O seu silencio, resulta moi elocuente e demostra que o goberno galego considera que “os cartos están ben onde están” e as familias galegas van ter que aguantar “o tirón” sen ningún tipo de axuda do goberno galego, lamentou.