O BNG denuncia no Parlamento a “nefasta” xestión de residuos da empresa TEN na mina de Touro
O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas advirte de efectos na saúde e no medio ambiente por “cheiros pestilentes” e demanda da Xunta e do concello medidas urxentes contra a contaminación
Xoán Louzao asegura que non existe ningún control da procedencia nin composición dos residuos e alerta dos perigos de converter a mina de Touro nun vertedoiro
O BNG leva ao Parlamento galego a xestión de residuos da empresa de Tratamentos Ecolóxicos del Noroeste (TEN), nos terreos da antiga mina de Touro que esta a provocar “un grave problema” na poboación afectada por cheiros “pestilentes” continuos e a utilización de máis de 600 hectáreas como depósito incontrolado de residuos.
O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas acompañado do portavoz municipal en Touro, Xoán Louzao e a deputada, Iría Carreira, recalcou que os terreos están a ser utilizados para almacenar residuos autorizados pero tamén un gran número do que se descoñece a súa procedencia. Rivas lembrou os “compromisos públicos” do conselleiro de Industria, Francisco Conde e a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez tras ser denegada a autorización medioambiental para a nova explotación da Mina de Touro. Estes compromisos, reitera o nacionalista, “deben cumprirse” e exixir á empresa “un plan de restauración do espazo mineiro”.
Por outra banda, lembrou que a titular de Medio Ambiente tamén se comprometeu en campaña electoral a iniciar medidas contra os “cheiros pestilentes”. Rivas pide que a Xunta cumpra os seus compromisos e unha maior implicación do concello de Touro ante unha situación denunciada dende hai anos polo BNG no propio concello. Estamos ante un problema de “saúde pública e calidade ambiental” pero tamén do futuro de vida da poboación de Touro, aseverou.
Hai que impedir que a mina de Touro sexa un vertedoiro
Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG no concello de Touro, Xoán Louzao denunciou que a xestión de residuos urbanos e residuos non perigosos lonxe de cumprir o seu cometido está sendo utilizada pola empresa TEM para converter a mina de Touro “nun vertedoiro” cun grave problema de contaminación e sen ningunha resposta por parte da Xunta de do concello.
A empresa, engadiu Louzao, xestiona os residuos de Galiza pero tamén unha grande cantidade procedente de fóra cun continuo tráfico de camións con residuos “sen catalogar como urbanos ou non perigosos”. “A pestilencia” é insoportable e resulta un grave problema para a saúde pública mentres a administración sigue “mirando para outro lado”.
Durante o verán os cheiros intensifícanse pola dirección do vento e a propia empresa recoñece que existe este grave problema. O portavoz nacionalista botou man dun informe da Generalitat como referencia para medir a contaminación odorífera que reflicte que a contaminación no aire prodúcese coa concentración de 10 unidades odoríferas por metro cúbico, na mina Touro, segundo a propia empresa TEN, dixo Xoán Louzou, existen entre 3.000 e 13.000 unidades que nalgúns casos chega a 776 mil . Tamén é considerada contaminación no aire un cheiro que dura máis de 27 minutos ao día, en Touro pode durar “ un día, oito días ou máis” como reflicten os datos da empresa.
A Xunta e o concello deben reaccionar e poñer en marcha medidas urxentes co control continuo dos cheiros e depósitos dos residuos en lugares inadecuados. Dende o BNG reclamamos ao novo goberno que exixa á empresa un plan de restauración “rigoroso”.