O BNG denuncia opacidade e clientelismo da Xunta en relación ao novo convenio de transporte da área metropolitana de Santiago
Xuntanza no Parlamento de Galiza dos e das portavoces do BNG dos concellos da área de Compostela para abordar o novo convenio de transporte metropolitano que entra en vigor o 13 de novembro, que para o BNG é “escurantista” porque apenas hai información sobre o mesmo pola opacidade coa que se levou a cabo a redacción do convenio. De feito, denuncia a formación nacionalista, descoñécese como vai quedar o servizo de transporte metropolitano pese a ser unha cuestión fundamental para a vertebración social dos concellos implicados.
En opinión do deputado Paulo Ríos o convenio debe incluír “o transporte intra municipal unindo núcleos de poboación rural con urbanos e tamén coa cidade e entendemos que este convenio”, reclamou, tras denunciar que o convenio “ben reforzar o clientelismo pois saca grandes lotes de liñas onde só empresas grandes, -como é o caso de Monbus-, poden acceder a elas e despois condicionar o mantemento de liñas, de frecuencias e de paradas ao longo do servizo. E mentres, deixa fora de xogo a pequenas empresas do transporte que xeran postos de traballo nas localidades”.
Desde o BNG, salientou Ríos, “criticamos a opacidade e o escurantismo co que a Xunta está levando o novo convenio de transporte da área metropolitana de Santiago, cando debería haber unha comunicación fluída para informar dos contidos e dos servizos que inclúe”. De feito, a formación nacionalista considera que se deben ampliar liñas e frecuencias, incluíndo o transporte baixo demanda, e as liñas que teñen como destino servizos básicos como os sanitarios. O Bloque tamén pon o foco nos grandes custes que este convenio supón para os concellos, pois a instalación e mantemento das marquesinas correrían a cargo dos gobernos locais.