O BNG denuncia un “ERTE encuberto” en auxiliares de Inditex e cambio unilateral de horarios ás traballadoras das tendas
O cabeza de lista do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas participou hoxe na concentración das traballadoras e traballadores de tendas de Inditex contra o cambio de horario nas tendas e novas condicións laborais anunciadas pola empresa.
Rivas alertou dun “ERTE encuberto masivo” nas empresas auxiliares de Inditex para facilitar a conciliación, decisión, explicou o candidato do BNG, que a empresa xustifica a través dun acordo cun sindicato español e que prexudica gravemente ás traballadoras e traballadores galegos, en moitos dos servizos cos que contan na actualidade.
O candidato do BNG, acompañado da candidata nª3, Mercedes Queixas e o deputado de Cultura do BNG na Deputación da Coruña e portavoz municipal en Arteixo, Xurxo Couto, manifestou que as novas condicións laborais anunciadas por Inditex serán un obstáculo para a conciliación e reclamou que a empresa “atenda ás demandas das traballadoras e traballadores”.
O BNG, dixo, comprométese a utilizar todos os medios ao seu alcance para que este acordo “non se materialice” e buscar unha solución ás novas medidas anunciadas pola empresa contrarias aos intereses dos traballadores, na súa maioría mulleres.