O BNG denuncia a “cruzada” do Partido popular contra o galego

A deputada Ana Pontón defendeu unha Proposición non de lei para sumar ao Parlamento galego á denuncia presentada pola Mesa pola Normalización Lingüítica ante a ONU, contra a discriminación que sofre a lingua galega

Pleno.- El PPdeG rexeitou hoxe sumarse ao resto dos grupos parlamentarios para sacar adiante a declaración de denuncia, defendida polo BNG, contra a “discriminación do galego” e ás políticas de retroceso da Xunta en materia de normalización lingüística.

Ana Pontón, encargada de defender a proposta nacionalista, denunciou a “cruzada” do Partido popular contra o galego así como as medidas que a Xunta aplica para frear o proceso de normalización lingüística. Durante a súa intervención, a deputada lanzou un reto na Cámara galega , “vivir un día enteiro en galego en Galiza” aínda que avanzou que resultaría imposible.

Denuncia ante a ONU contra a discriminación do galego

A Proposición non de lei do BNG destinada a apoiar a iniciativa presentada pola Mesa pola Normalización Lingüística para denunciar ante a ONU a situación de discriminación da lingua galega foi rexeitada polo Grupo popular por considerar que conduce “á confrontación social”.

O portavoz do Grupo popular, Agustín Baamonde mostrouse contrario a proposta do BNG e asegurou que o PP defende as dúas linguas pero non quere “monolingüísmos”.

Neste sentido, a deputada censurou “os tópicos e descalificacións” de Bahamonde que segundo a nacionalista busca o “chiste fácil” e responde “á carraxe e enfado” que lles produce calquera cuestión relacionada coa política lingüística, “aínda que lles moleste”, manifestou Pontón, “imos seguir defendendo a lingua” e censurou as medidas do Partido popular contra o Plan de Normalización Lingüística “votado e aprobado por unanimidade no Parlamento”.

A deputada agradeceu o apoio de AGE e PSOE e reprobou que durante cinco anos, o Partido popular, “subira ao cabalo dos que queren acabar coa nosa lingua”.

A realidade que hoxe describimos xa foi denunciada pola Real Academia Galega, polo Consello da Cultura, por Asociacións do Ensino e polo Consello de Europa que censurou a política lingüística da Xunta porque vulnera a “carta europea das linguas”, dereitos humanos fundamentais.

Pontón parafraseando a Castelao afirmou que a moitos, “non lles doe a lingua galega porque non se sinte no bandullo” pero a nós “dóenos que estea nun momento tan crítico” cunha Xunta que segue pisoteando os dereitos de todos os galegos e galegas.

Vostedes son os únicos que defenden o “monolingüísmo en castelán” e cando hai unha discriminación para a lingua galega nunca “está a voz do Partido popular para denúncialo”, concluíu.