O BNG denuncia a convocatoria fraudulenta da praza de xefatura do servizo de cirurxía cardiovascular no CHUS
As bases publicadas inicialmente no DOG, despois retiradas, xa incluían un proxecto concreto escrito en primeira persoa por un aspirante ao posto
“O SERGAS convocou a praza sabendo a quen lla vai a dar o que supón un engano aos profesionais”, denuncia Prado. Pide a dimisión da xerente da EOXI de Santiago e a comparecencia de Almuíña
O BNG denunciou a convocatoria fraudulenta por parte do SERGAS e da Consellería de Sanidade para cubrir a praza de xefatura do servizo de cirurxía cardiovascular do CHUS, e pide a dimisión inmediata da xerente da EOXI de Santiago de Compostela, Eloina Núñez, ou ben que sexa cesada por parte do titular do departamento de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, a quen pedirá explicacións no Parlamento.
O DOG do 5 de outubro de 2018 publicaba o anuncio para a provisión da citada praza polo procedemento de avaliación colexiada e recollía as bases da convocatoria, entre elas a presentación dun proxecto técnico relacionado coa xestión do servizo, incluíndo un programa de obxectivos do mesmo, -cuantitativos e cualitativos-, seguindo as especificacións que se recollían no Anexo I da convocatoria.
Tal e como explicou a portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado, “a sorpresa foi maiúscula” cando ao ir consultar ese anexo os e as profesionais que querían postularse descubrían que xa contiña un proxecto técnico concreto redactado en primeira persoa en moitos dos seus apartados, incluíndo unha mención específica a un profesional e aos seus méritos que logo se presentaría á praza.
En conclusión, denunciou Prado, “o SERGAS convocou unha praza sabendo de antemán a quen lla vai a dar o que, ademais de vulnerar a legalidade, supón un engano aos profesionais que pretendían optar a ese posto”. “Unha praza supostamente convocada en libre concorrencia non era máis que unha fraude que enmascaraba unha adxudicación a dedo”, recalcou.
Prado deixou claro que non se trata dunha denuncia contra ningún profesional concreto. A denuncia vai contra a práctica do Goberno de Feixóo de nomear a dedo aos cargos de responsabilidade, “baixo o disfrace de pseudo-convocatorias públicas”, e cun obxectivo claro: “Colocar a persoas afíns e de confianza para aplicar a política de recortes e de privatizacións do PP que está provocando un deterioro alarmante da sanidade pública e mesmo poñendo en risco o dereito á saúde dos galegos e das galegas”, explicou a deputada nacionalista.
“Desde o BNG denunciamos esta convocatoria porque é un escándalo e porque non estamos dispostos a aceptar que o PP normalice este xeito mafioso de facer nomeamentos actuando na administración pública como se fose a súa leira particular”, concluíu Prado.
A portavoz de sanidade avanzou que o grupo parlamentario pedirá a comparecencia do conselleiro Vázquez Almuíña para que dea explicacións sobre as irregularidades detectadas nesta convocatoria, e demanda o cese inmediato da xerente da EOXI de Santiago asinante das bases da convocatoria, “por moi curmá que sexa do señor Feixóo”, se esta non presenta a súa dimisión.
Tras detectar as irregularidades no proceso de convocatoria da praza no CHUS, o SERGAS tentou encubrir a fraude cunha substitución da documentación, cando o que establece a legalidade é que se hai erros deben subsanarse pero mantendo no DOG a versión orixinal ao lado da corrixida. Tense presentado un recurso de alzada contra este proceso de selección e a praza convocada pendente de adxudicación.