BNG denuncia as consecuencias irreversibles nas terras afectadas pola extracción de seixo de silicio pola empresa Erimsa, nos concello de Frades e Mesia
Xosé Luís Rivas afirma que as parcelas non volverán a poder desenvolver a súa capacidade agraria aínda que lle “ inxecten nitróxeno en vea ou purín con mangueiras a presión” polo que pediu a “inmediata” paralización da autorización
Apela ao artigo 9 para reclamar a documentación solicitada polo BNG que a Xunta continúa sen remitir ao Parlamento galego
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro, 2021. O portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas, (Mini), defendeu unha proposición non de lei instando á Xunta a “paralizar a autorización” á empresa Erimsa para a extraer seixo de silicio, nos concellos de Frades e Mesía e defender “as 1.160 has de terra de alto rendemento agrícola ameazadas pola actividade mineira”.
O deputado lamentou o voto en contra do Partido popular á iniciativa nacionalista e advertiu que, “as parcelas afectadas no volveran a poder desenvolver a súa capacidade agraria nin aínda que lle inxecten nitróxeno en vea ou purín con mangueiras a presión”.
A extracción de seixo de silicio, un proceso irreversible para as terras agrarias
Si finalmente se confirma “este deterioro irreversible”, afirmou Rivas, a Consellería de Medio Rural non estará autorizada para falar de “sustentabilidade” porque o concello de Frades, foi e segue sendo “un exemplo de desenvolvemento gandeiro” cunha cabana de vacún lácteo considerable e estrutura da propiedade que contou con concentracións parcelarias e unha riqueza agora ameazada pola actividade mineira.
Estamos a referirnos, recalcou Mini,a terras con proxectos de concentración con investimentos públicos para a súa mellora cuxo pago da empresa valoraba sobre 3.750 euros por hectárea, mentres que o volume de croio de silicio extraído, tras pasar por un proceso de transformación en Noruega, retornará á Galiza cun valor entre 30 e 35 millóns de euros.
Na defensa da iniciativa, o deputado do BNG explicou que no mes de novembro, a Consellería de Medio Ambiente autorizou á empresa Erimsa a extracción de seixo de silicio en 1.160 has. agrícolas no concello de Frades polo procedemento de peneirado da terra coa condición de existir acordo cos propietarios e “devolvérllelas aptas novamente para uso agrícola”.
A este respecto, asegurou que calquera técnico na materia pode constatar que o proceso extractivo do croio de silicio, a unha fondura media dun a dous metros, “desestrutura o solo, afecta gravemente a súa fertilidade e resulta un proceso irreversible”.
A actividade mineira, segundo a empresa, suporá a creación de 8 novos postos de traballo, fronte aos postos de traballo e riqueza sostible xerada por 1.160 has. de terreo de alto rendemento agrario, contraargumentou o deputado
Deterioro produtivo e ambiental sobre 11,6 quilómetros
“Son terras altamente produtivas, con investimentos públicos en concentracións parcelarias, melloras, PAC... que tras os procesos extractivos quedarían anuladas. Falamos, dixo do “deterioro produtivo e ambiental de 11,6 Km2 sobre unha superficie total do concello de 81 incluído monte, zonas improdutivas...
Tras todas estas explicacións, o deputado do BNG pediu á Dirección xeral de Agricultura que “defenda a terra agraria e deixe para outros a defensa da minería” e volveu a reclamar “paralizar de inmediato a autorización” e que a Xunta remita a documentación solicitada polo grupo parlamentario nacionalista. “Apelamos ao artigo 9 para ver si así a Xunta cumpre coa súa obriga de remitir ao Parlamento galego, a documentación reiteradamente solicitada”, concluíu.