BNG denuncia a autorización do Goberno do PP á empresa mineira de San Finx a verter residuos industriais ao río Pesqueira
Rosana Pérez criticou que a día de hoxe autorízase a que preto de 600.000 metros cúbicos ao ano de augas residuais acumuladas nas galerías da mina cheguen ao río Pesqueira sen avaliación de impacto ambiental
“O concello de Noia, co seu alcalde do PP á cabeza, o PP de Outes, as confrarías da ría, o sector marisqueiro, e a sociedade da comarca no seu conxunto piden a suspensión dese permiso”, advertiu a Portavoz de Pesca.
O BNG levou ao Parlamento a autorización que vén de dar o Executivo do PP para o vertido de residuos da empresa mineira de San Finx ao río Pesqueira sen a obrigatoria avaliación de impacto ambiental.
A portavoz de Pesca, Rosana Pérez, trasladou a inquedanza da xente do mar da ría de Muros e Noia “e o conxunto da sociedade dunha comarca que está alarmada por esta autorización de Augas de Galiza”. Un permiso sobre do que xa advertira a propia Dirección Xeral de Planificación Enerxética da Consellería de Industria, que textualmente recolle a necesidade “de que se teña aprobado un proxecto de explotación completo, avaliado ambientalmente e con todas as autorizacións necesarias para a súa execución”.
A día de hoxe estase a autorizar, denunciou a deputada do BNG, “600.000 metros cúbicos ao ano de augas residuais acumuladas nas galerías da mina sen avaliación de impacto ambiental”. Augas, detallou, con altas concentracións de cadmio, cobre e zinc, “que serán bombeadas ao río e que acabarán na ría”.
Esta autorización por parte do Goberno do PP, argumentou a portavoz de Pesca, é o paso previo á explotación futura dunha mina “que nunca se someteu á obrigatoria avaliación de impacto ambiental”, recriminou. Un informe que xa lle fora requirido á empresa antes do 2009 por parte do goberno bipartito cun prazo de 3 meses e que non presentou.
“O concello de Noia, co seu alcalde do PP á cabeza, o PP de Outes, as confrarías da ría e a sociedade da comarca no seu conxunto piden a suspensión desa autorización”, declarou a parlamentaria nacionalista, que criticou que esta decisión do Executivo do PP pon en risco ata “1.600 postos de traballo directos” co obxectivo de “favorecer a unha empresa amiga que vai contaminar e destruír aquí e levar os beneficios a outro lado”, concluíu.