BNG demanda a supresión do paso a nivel e o soterramento das vías no Porriño
Néstor Rego levará ao Congreso esta reclamación social que, de levarse adiante, suporá una importante mellora na calidade de vida da veciñanza
Pedro Pereira reclama un proxecto ambicioso que non hipoteque o futuro da localidade
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita a localidade do Porriño para anunciar o rexistro de novas iniciativas e dunha emenda aos OXE co obxectivo de que o Goberno do Estado acometa as obras para a supresión do paso a nivel e o soterramento das vías neste municipio. A formación nacionalista reclama un proxecto ambicioso que non hipoteque o futuro da localidade e que contribúa a mellorar a calidade de vida da veciñanza no Porriño.
O voceiro municipal do BNG e concelleiro de Urbanismo, Pedro Pereira, lembra que “existen avances para a supresión do paso a nivel mais esta ten que ser ambiciosa, que non hipoteque o futuro do Porriño”. Pereira apunta a necesidade de alongar o taboleiro que propón ADIF a día de hoxe “cunha distancia mínima no soterramento da estación cara o sur de en torno a 600-700 metros soterrados”. Isto implicaría a conexión do tramo urbano coa senda verde que realizou a área de goberno liderada polo BNG no concello do Porriño.
Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, destaca o traballo da formación nacionalista “na procura de mellorar a calidade de vida do conxunto dos galegos e galegas e a proposta que traslada o BNG do mellora a calidade urbana e a calidade de vida de todos os porriñeses e porriñesas” explica deputado da formación nacionalista.
O obxectivo é suprimir a barreira que actualmente existe e gañar espazo público para o conxunto da veciñanza. “demandamos que haxa unha mellor integración no tramo urbano, obxectivo que é perfectamente posíbel se hai vontade política por parte do Goberno español” enfatiza Rego. Neste sentido, adianta que traballarán para que se leve a cabo o proxecto que parta da supresión da vía en superficie, do soterramento das vías nunha distancia de 700 metros da estación.
Así mesmo, o deputado lembra que xa nos anteriores Orzamentos Xerais do Estado a formación nacionalista presentara unha emenda para incorporar unha partida para este fin de 6 millóns 400 mil euros. Avanza que no proxecto de Orzamentos 2022, presentará unha emenda parcial para que as obras se poidan levar a cabo, tendo partidas específicas e mesmo rexistrarán preguntas para coñecer a disposición da Ministra e a posición de ADIF a respecto desta proposta. Así mesmo, rexistrarán unha Proposición Non de Lei para que todos grupos con representación galegas se posicionen con esta iniciativa.