O BNG critica a mobilidade para cazar mentres gran parte da poboación galega asume fortes restricións de mobilidade e actividade económica
O BNG presenta diversas iniciativas no Parlamento galego ante a decisión da Secretaria xeral para o Deporte que permite, a través da aprobación do protocolo Fisicovid, a mobilidade para actividade cinexética non competitiva, a pesar das fortes restricións de mobilidade para unha grande parte da poboación galega.
O deputado do BNG, Luís Bará cualifica de feito grave utilizar a “artimaña” do protocolo Fisicovid polo que a Secretaria xeral para o Deporte permite a mobilidade na caza, a pesar de non contar con competencias na materia. Neste sentido, Bará afirma que a caza non é unha actividade competitiva nin deportiva e a súa regulación corresponde a Medio Ambiente.
Dende o BNG, recalca Bará, consideramos que mentres son asumidas fortes restricións de mobilidade e actividade económica en todas as áreas urbanas de Galiza, a Federación de caza e cazadores contan cun “trato de favor” polo que reclamamos no Parlamento que sexa revisada esta decisión e se actúe baixo “criterios de carácter sanitario e de loita contra os contaxios nunha situación de estrema gravidade”.
Bará sinala que a decisión da Secretaria xeral para o Deporte busca “favorecer os intereses dun colectivo con moita capacidade de presión” e para condicionar as decisións da Xunta de Galiza mesmo utilizan subterfuxios como o protocolo da Secretaria xeral para o Deporte a través dun oficio asinado polo xefe provincial de Lugo que dende o BNG, remarca o nacionalista, entendemos non é competente.