BNG critica o desinterese da Xunta e a falta de compromiso e alternativas para o sector marisqueiro no remate da dragaxe da Ría do Burgo
Mercedes Queixas lembra que na actualidade a capacidade extractiva non está garantida nin tampouco o compromiso da Xunta de Galiza de compensacións económicas
A través dunha pregunta ao goberno, a deputada do BNG, Mercedes Queixa demandou unha resposta ao que denominou “cruce de responsabilidades” entre a Xunta e o Goberno central sobre o impacto e consecuencias para as mariscadoras e mariscadores da Ría do Burgo no remate das obras de dragaxe previstas para o mes de decembro de 2023.
Para a deputada, a Xunta amosa un “grande desinterese” e falta de compromiso e alternativas para o sector marisqueiro no remate das obras da dragaxe da Ría do Burgo.
A nacionalista explicou que as obras responden á reivindicación de hai 20 anos, pero a pregunta agora, dixo, é que vai a suceder despois do remate das obras porque é o momento da resembra das 4 especies : ameixa babosa, ameixa xapónica, ameixa fina e berberecho e unha demora de entre 18 e 24 meses conleva unha importante falta de ingresos ao sector.
Neste sentido, preguntou se o Estado ten previsto renovar o convenio para ampliar o pagamento de compensacións no período sen capacidade extractiva e se a Xunta valorou tamén este aspecto.
Por outra banda, lembrou que a Demarcación de Costas comprometeuse a entregará a obra coa semente realizada pero as mariscadoras amosaron xa as súas dúbidas sobre a efectividade porque no mes de decembro os terreos están sen asentar e area nova, ao moverse, pode enterrar a cría ao que sumou un incremento de auga doce das chuvias que aumenta o índice de mortaldade das especies.
A Demarcación de Costas tamén trasladou ás mariscadoras que só sementará dúas especies: ameixa babosa e ameixa xapónica e non as de maior beneficio, criticou.
Pola súa parte, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo confirmou que a capacidade extractiva só será posible coa recuperación das especies despois da resembra de sementes até chegar ao tamaño comercial exixido.
A nacionalista criticou a intervención de Rodríguez Carballo que cualificou de “relato do pasado” porque, ao seu xuízo, as mariscadoras e mariscadores necesitan que se lles garanta “o futuro” e para iso é preciso que anuncien as compensacións económicas mentres non sexa posible “traballara e vivir” da actividade na Ría do Burgo, recalcou.
Queixas lamentou que a titular de Desenvolvemento Pesqueiro eludira responder ás preguntas formuladas polo BNG e indicou que a Consellería do Mar, presente na Mesa de Control e Seguimento das obras de dragaxe e rexeneración da Ría do Burgo “pode abordar a situación e sobre todo, buscar alternativas porque falta moi pouco para o mes de decembro e polo momento non hai presentada ningunha proposta”, agás cubrir o expediente obrigando á confraría a elaborar os informes e remitilos ao Goberno do Estado.
“As mariscadoras e mariscadores precisan obter ingresos pola súa actividade e mentres non se recupere esta actividade é necesario garantir compensacións económicas”.