O BNG consegue o acordo unánime da Cámara para indultar aos dous sindicalistas galegos
Tareixa Paz aceptou unha emenda do Partido popular para acadar o indulto parcial dos sindicalistas condenados a 3 anos de prisión por participar nun piquete informativo
A deputada do BNG, Tereixa Paz amosou hoxe a súa satisfacción tras a votación por unanimidade da Proposición non de lei defendida hoxe no Parlamento galego para solicitar do Goberno do Estado a concesión do indulto dos sindicalistas, Carlos Rivas e Serafín Rodriguez .
A deputada agradeceu o apoio do resto dos grupos parlamentarios á iniciativa do BNG e asegurou que a entrada en prisión dos dous sindicalistas galegos provocaría unha grande inestabilidade nas súas familias e fillos polo que aceptou a emenda do Partido popular de indulto parcial de Serafín Rodríguez e Carlos Rivas evitando a súa entrada en prisión.
A nacionalista mostrouse crítica cunha sentenza que respecta pero non acata por colocar no mesmo fiel da balanza a un traballador e a un empresario, ademais de afirmar que os piquetes informativos son, por definición ilegais.
Para a deputada, o debate de hoxe no Parlamento galego é un debate de principios. O Partido popular, non pode criminalizar os piquetes informativos nin a folga dos traballadores. Dende o BNG, dixo, non queremos que Carlos e Serafín sexan indultados por compaixón, queremos xustiza social, un dos principais valores da sociedade galega, unha sociedade, reiterou que sinte ademais solidariedade e admiración por teren defendido os seus dereitos.
Eu tamén participei en moitos piquetes informativos, e ao igual que eles, síntome orgullosa por defender os intereses dos traballadores e traballadoras, non sei, engadiu, se os 200 cargos políticos e banqueiros indultados por falsificación, falsidade de documentación e por conceder licenzas para pelotazos urbanísticos tamén lle pediron que se arrepentisen e restauraran o dano social.
A deputada preguntou que dano social cometeron os dous sindicalistas galegos xunto a 80 persoas que participaban nun piquete informativo nunha folga de negociación de convenio.
Esta iniciativa non é do BNG, é de toda a clase traballadora galega.A deputada concluíu a súa intervención aconsellando a Feijóo que ao seu paso por Madrid cando vaia a Andalucía fale con Gallardón para que o indulto se cumpra.