O BNG condena as ameazas ás organizacións sociais, partidos políticos e defensores de dereitos humanos en Colombia

Executiva
A Executiva Nacional reclama ao goberno colombiano que garanta a súa protección e seguridade
A portavoz do BNG en Europa e integrante da Executiva Nacional do Bloque, Ana Miranda, manifesta a súa repulsa ás ameazas que están sufrindo as organizacións sociais, partidos políticos e diferentes colectivos defensores de dereitos humanos que se están producindo en Colombia. ”Estamos diante dunha situación extremadamente grave que o goberno colombiano ter que poñerlle freo de forma urxente”, subliña Miranda.

Neste sentido, o BNG expresa o seu total apoio ao “Comité Permanente pola Defensa dos Dereitos Humanos”, (CPDH-Caldas), que o pasado venres denunciou ante distintas administracións as ameazas recibidas por diferentes líderes sociais e partidos políticos que defenden os dereitos humanos.

“Sumámonos á reclamación para que o goberno colombiano garanta o libre desenvolvemento da promoción dos dereitos humanos, así como o respecto e a protección da vida dos representantes das organizacións sociais e políticas”, manifesta a portavoz do Bloque en Europa.

Ana Miranda, que en representación do grupo Verdes-ALE hai meses participou nunha delegación oficial de observación do Parlamento Europeo das eleccións presidenciais colombianas, considera que “resultan imprescindibles” todos os esforzos para manter a paz nun contexto de “post conflito”, despois do acordo asinado polas FARC-EP e o Goberno de Colombia en novembro de 2016 tras 53 anos de conflito armado.