BNG comprométese a traballar para conseguir unha derrogación total da Lei Mordaza e garantir os dereitos democráticos

Rego sinala que existen melloras no texto presentado, mais que moitas delas van pensadas “ao ex post facto que non evitaría excesos policiais”

“Traballaremos na fase de tramitación para incorporar aspectos que permitan camiñar para unha norma que realmente garanta o exercicio de dereitos democráticos esenciais” afirma Néstor Rego

Eliminación do uso de elementos coercitivos agresivos, suprimir a infracción grave sobre o uso de imaxes dos axentes, eliminar a presunción de veracidade  e unha sólida documentación das actuacións policiais para evitar arbitrariedades: entre as emendas que presentará o BNG

O BNG avanza o rexistro de emendas á Proposición de Lei de Seguridade Cidadá, durante a súa tramitación no Congreso, co obxectivo de conseguir a derrogación total da Lei Mordaza aprobada polo Partido Popular e garantir o exercicio de dereitos democráticos esenciais. No concreto, o deputado do BNG, Néstor Rego, defenderá eliminar os elementos coercitivos agresivos que impliquen risco para a saúde e integridade física das persoas -balas de goma ou similares-, suprimir a presunción de veracidade dos policías, introducir a exixencia de sólida documentación -por medio de actas- das actuación policiais, así como a eliminación da infracción grave  a respecto do uso de imaxes dos axentes.

“Concibida, a Lei Mordaza, como unha ferramenta de represión e de conculcación de dereitos como o de reunión e manifestación, esta lei debería ter sido derrogada de forma inmediata após a caída do último goberno de M. Raxoi” sinala o deputado do BNG no Congreso. No entanto, os goberno do PSOE-Unidas Podemos-Sumar até agora “non só non a derrogou senón que foi o goberno que máis a empregou”.

Neste contexto, e en aras de cooperar nunha áxil tramitación do texto que incorpora mudanzas significativas, o BNG apoiou a Proposición de Lei de protección das liberdades e seguranza cidadá, non sen sinalar desde o comezo que existen “cuestións moi relevantes” que aínda fican por mudar. “Traballaremos na fase de tramitación para incorporar aspectos que permitan camiñar para unha norma que realmente garanta o exercicio de dereitos democráticos esenciais” subliña Néstor Rego.

No concreto, aínda que algunhas medidas -das máis controvertidas da Lei de Seguranza Cidadá aprobada en 2015- son mudadas, existen outras que se retocan levemente ou mesmo que se manteñen polo que “continúan a ser problemáticas, comezando porque as melloras van pensadas ao ex post facto, á revisión xudicial posterior da actuación policial e iso non vai evitar os excesos policiais”.

“A lei mantén a retención policial no caso de non posibilidade de identificación e non prevé unha sólida documentación (por medio de actas) das actuacións policiais. Mantense tamén a infracción grave do  artigo 36.23 sobre uso de imaxes dos axentes e a presunción de veracidade do artigo 52” afirma o deputado nacionalista.

No que atinxe ao uso de proxectís de goma, a pesar de incorporar a substitución progresiva, “por outros menos lesivos”, non se estabelece prazo e, alén do máis, “cremos que o lóxico é que se abandone totalmente o uso de elementos coercitivos agresivos que impliquen risco para a saúde e integridade física das persoas”.