BNG e CIG promoven unha axenda de mobilizacións contra as reformas involucionistas do PP
As direccións do BNG e da CIG, coa presenza de Xavier Vence e Xesús Seixo, coincidiron en promover unha axenda mobilizadora para enfrontar o paquete de reformas lexislativas involucionistas que supón un retroceso sen precedentes en dereitos sociais e cívicos da clase traballadora e do conxunto da cidadanía.
Queremos chamar a atención sobre un paquete de medidas que supón unha involución de moito alcance nos dereitos sociais, cívicos e económicos da cidadanía, explicou Vence, que insta a toda sociedade a defenderse ante esta involución nos dereitos conquistados e demostrarlle ao PP que non está disposta a permitir unha regresión deste calibre.
Os proxectos de Lei de Seguridade Cidadán, da Lei de Mutuas, a reforma fiscal ou o Tratado de libre comercio entre UE-EEUU, todos en plena tramitación nas parlamentaria, conforman ese paquete normativo que, segundo a deputada Rosana Pérez, supón un golpe á democracia por parte do Goberno de Rajoy
Vence denunciou as consecuencias desta lexislación, empezando pola futura Lei de Seguridade Cidadán que é un paso de xigante cara a instaurar un estado policial, ademais de criminalizar e reprimir calquera tipo de contestación social. Non podemos aceptar que a acción pacífica contra as medidas do PP sexan penalizadas, subliñou. As mobilizacións se iniciarán en novembro, co calendario que se negocie no seo da Alianza Social Galega, segundo explicou Seixo.
A Lei de Mutuas que propón o PP establece un control perverso da saúde laboral, dando a prerrogativa das altas e baixas dos traballadores e traballadoras a unhas entidades privadas, abre a porta a unha regulación perigosa na xestión dos riscos laborais e implica para Galiza un menosprezo das competencias do sistema público de saúde.
Imos cara un réxime de privatización progresiva da saúde laboral, cara un réxime disciplinario que vulnera o dereito á saúde das persoas e nos devolve ao século XIX, denuncia Vence.
O portavoz nacional tamén fixo referencia á reforma fiscal que favorece ás grandes corporacións mentres penaliza ao consumidor, na que se prima ás rendas altas en detrimento das rendas medias e baixas. Idea na que afondou Seixo ao lembrar que o salario medio está por debaixo dos 16.000 euros anuais, e que son as rendas inferiores a esta contía as que menos se benefician da reforma fiscal que ultima Madrid.
BNG e CIG tamén rexeitan os termos do Tratado de Libre Comercio UE-EEUU que, denunciou Pérez, está rodeado dun total escurantismo informativo por parte do Goberno central. Este tratado só interesa ás grandes corporacións europeas e norteamericanas, pero vai en contra dos sectores produtivos, dos servizos públicos e arrasa coa soberanía dos pobos, advertiu Vence.
Ademais do traballo realizado a nivel institucional cas emendas e iniciativas presentadas contra este paquete de reformas involucionistas, BNG e CIG desenvolverán unha axenda conxunta de información, concienciación e mobilización da cidadanía para facer fronte a estas auténticas amezas ao país e a súa clase traballadora, concluíu Vence.