BNG centra as súas prioridades do novo curso político na investigación das irregularidades nas contratacións da Xunta
Levará ao pleno propostas de solucións aos problemas reais dos galegos e das galegas en materia de vivenda, educación, enerxía ou medio rural
O viceportavoz segundo do BNG, Luís Bará debullou os principais temas que o BNG levará ao primeiro pleno do novo curso político, no que destacou a investigación das irregularidades na contratacion da Xunta, con “tratos de favor, nepotismo e amiguismo”, e as propostas de solucións aos grandes problemas e preocupacións da cidadanía galega como a vivenda, a educación, a enerxía ou os problemas do medio rural.
Na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, Bará descatou como tema central do BNG as “irregularidades” na contratación da Xunta do Partido Popular, en relación coa “falta de transparencia, co trato de favor e amiguismo e nepotismo porque -aclarou- “esas contratacións benefician a empresas con conexións directas co Partido Popular ou co entorno de dirixentes do Partido Popular”, e recordou que o BNG xa solicitara a comparecencia de Rueda neste pleno pero “foi vetada pola maioría absolutista” do PP.
Asegurou que a ocultación sobre estas contratacións irregulares non fai máis que facer “medrar as sospeitas”, engadiu, polo que é máis que necesaria a creación dunha comisión de investigación para “forzar á Xunta a enviar ao Parlamento” a documentación solicitada polos deputados e deputadas do BNG e que lle foi negada por parte do Sergas o pasado mes de xullo.
O BNG quere centrar esta macroinvestigación en tres casos: Por un lado, o sobrecusto de 470 millóns de euros no Hospital Álvaro Cunqueiro, que “nos parece un escándalo e que merece responsabilidades políticas do goberno responsable desta decisión”.
Por outro, o BNG quere que se investigue todo o conglomerado de contratos que benefician ao grupo Eulen, “cunha relación directa entre a principal dirixente deste grupo en Galiza e o presidente estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo” e 1.311 contratos menores “a dedo” que foron descubertos por unha investigación do xornal El Salto.
Bará tamén anunciou que se incluirá nesa comisión de investigación a ocultación dos contratos con Universal Support (a empresa dos rastrexadores) e con MAPE Asesores, coa que actuou de intermediario o compañeiro sentimental da presidenta da Comunidad de Madrid e que “vendeu con prezos por riba do mercado material sanitario en plena emerxencia da Covid”, facturándolle millóns á Xunta. Por último, referiuse á empresa Sibucu 360, que segundo o deputado foi tamén “beneficiaria dun auténtico pelotazo de contratos neses días de máxima emerxencia sanitaria”.
As prioridades do BNG fronte á axenda teledirixida desde Génova
A pregunta ao presidente versará sobre estes temas e as prioridades duns e outros cara o novo curso político.
Luís Bará asegura que as prioridade do BNG será a “defensa os intereses de Galiza no Estado e en Europa”, en contraposición cos intereses de Rueda, cunha axenda “marcada e teledirixida desde a rúa Génova de Madrid por esa estratexia partidista e extremista do Partido Popular”.
“Rueda non ten voz propia, actúa como unha especie de catatúa que repite os argumentos e as consignas que lle mandan desde o Partido Popular estatal”, criticou.
O deputado afirmou que “a prioridade número un de Rueda é a confrontación”, con dous obxectivos, “obedecer ao seu amo” e “intentar desviar a atención precisamente deses problemas que lle preocupan á sociedade galega”. Como contraposición, Bará deu conta das principais iniciativas que o BNG levará ao pleno da semana que vén.
A primeira será unha moción para debater o impacto que está a ter “proliferación descontrolada” de vivendas turísticas na escaseza e no incremento “alarmante e abusivo” dos prezos da vivenda habitacional . “Este é un problema lle afecta sobre todo a moita xente nova e ao estudantado que está a comezar o curso, e non a lei de amnistía ou outra preocupación fundamental do Partido Popular neste pleno como é Venezuela”, recalcou.
O BNG poñerá tamén a atención, a través dunha interpelación, da situación crítica da sanidade pública a tenor do “escándalo do sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro”, que, aclarou, “xa foi obxecto dunha petición de comparecencia de Alfonso Rueda en pleno e que foi vetada polo Partido Popular en agosto”. Este sobre prezo de 470 millóns de euros supón, segundo o deputado, que” se transfiren grandes cantidades de diñeiro a empresas privadas, a fondos de investimento, que se detraen das necesidades do día a día da nosa sanidade pública”, denunciou.
Noutra interpelación, o BNG pregutará tamén polo segundo “sablazo” que Sogama quere aplicar aos concellos co canon dos residuos. Bará recordou que este canon “é consecuencia fundamentalmente de apostas erradas da propia Sogama e da Xunta de Galiza no modelo de xestión de residuos” ao apostar pola incineración, alternativas penalizadas e que a Comisión Europea pretende desincentivar a través de impostos como o IDIRES, que paga Sogama e que recada a Xunta de Galiza.
O BNG tamén levará ao pleno da vindeira semana iniciativas relativas ao noso sector primario, en concreto, unha proposición de lei sobre o sector do viño da Ribeira Sacra, co problema da dificultade da recollida de uva e cuxas medidas anunciadas onte polo Goberno do PP “nos parecen tardías e insuficientes”, lamentou. Tamén haberá unha pregunta sobre a preocupante “extensión descontrolada” da Enfermidade Hemorráxica Hepizoótica, que lle afecta a moitas granxas de vacún e que se está estendendo xa á provincia de Lugo e de Pontevedra.
Por último, a través doutra pregunta en pleno, Bará anunciou que o BNG lle pedirá á Xunta que rectifique coa supresión do bono social térmico por considerala unha medida “regresiva, antisocial” e que desvela a “falta de sensibilidade do Goberno galego” nun contexto de incremento dos prezos da enerxía e da electricidade, ao gobernar para o “lobby enerxético” e ao “deixar na estacada a miles de familias que sofren a pobreza enerxética”, recriminou.