BNG reprobou no Parlamento galego o proxecto de Orzamentos para 2022 da Xunta por “estar ancorado no pasado e na inercia” e por ser “un proxecto repetitivo dun Goberno que no mellor dos casos está estancado en 2019” e que non é quen de facilitar resposta aos retos que Galiza ten por diante, nun contexto de profundas transformacións diante do que o País se ten que resituar.
“Mudou o contexto, pero o que non mudan son as políticas do PP, que non teñen en conta que, ante novos obstáculos, precisamos novos camiños; a súa resposta é poñer unha venda nos ollos”, criticou a portavoz nacionalista de Facenda e Orzamentos, Noa Presas, durante o debate parlamentario no que advertiu que se a folla de ruta orzamentaria “xa estaba obsoleta no momento de entrar no rexistro da Cámara, quedou aínda máis atrás” ante as novas transformacións que estamos vivindo. “Empeorou a conxuntura, coa escalada do prezo da luz e a crise dos subministros e materiais industriais; a desigualdade social empeora, con 600.000 galegas e galegos por debaixo do limiar da pobreza xa en 2020; e, falando da pandemia, con novas incertezas respecto da súa evolución pola nova variante Ómicron”, incidiu.
Para Presas, o propio articulado do proxecto orzamentario, repetitivo no fondo e na forma, “amosa un minigoberno que os domingos reza polo autogoberno, pero que os luns goberna sen ambición” aplaudindo o marco estatal de restrición de gasto que, aínda que transitoriamente flexibilizado, “prexudica a Galiza”; que non só non aposta por empregar as súas competencias para impulsar un modelo fiscal máis xusto e redistributivo, senón que vai en dirección contraria cunha “reforma regresiva do IRPF”; e que ademais “non blinda os servizos públicos”, nin “inclúe medidas extraordinarias para a intervención pública na economía” para poñer freo á crise industrial en casos como os de Alcoa ou Vestas.
A deputada nacionalista afeou ao titular de Facenda, Miguel Corgos, que comezara a súa andaina como conselleiro “con fastuosas apelacións ao consenso”, cando en realidade era “simplemente unha pose”, dado que o Goberno do PP tombou a totalidade das 431 emendas presentadas polo BNG ao estado de gastos e 34 das 35 presentadas ao articulado. “Unha emenda aceptada de 466; cúmprese o que escribiu Quevedo: ninguén ofrece tanto como o que non vai cumprir”, criticou con ironía.
Presas explicou que a escalada do prezo da luz, lonxe de ser temporal ou de remitir, aumenta e, sen embargo, a resposta nos Orzamentos galegos a esta situación é inexistente; a isto sumou unha suba xeral dos prezos que afoga ás maiorías sociais e ás persoas máis vulnerábeis, con 250.000 persoas en situación de pobreza severa, ao que o proxecto orzamentario tampouco responde; igual que tampouco o fai en ámbitos tan importantes para a economía como a industria. Tendo todo isto en conta, máis a evolución da pandemia, Presas advertiu que este contexto “rebaixa as previsións de crecemento e recuperación”.
Así pois, evidenciou a operación de “propaganda e maquillaxe” do Executivo de Feixóo xa dende o propio montante orzamentario, posto que, comparado co do ano pasado, o incremento é de tan só 64 millóns de euros. “É dicir, non incrementa nin un 1%, polo que máis ben temos unha conxelación”, reprochou, para a continuación subliñar que “o peso do orzamento da Xunta sobre o PIB galego segue a baixar” e segue a depender en “máis dun 10% da recepción de fondos extraordinarios que van acabar este ano”. “Isto significa que, en realidade, son uns orzamentos austeros, porque o seu alcance depende de fondos extraordinarios e, aínda así, dedican un 10% a amortizar débeda -subliñou-; unha débeda que é un problema desde que o momento en que non deixou de aumentar desde que entraron vostedes no goberno, mellorase ou non o ciclo económico”.
Ademais de non haber montantes excepcionais, a portavoz do BNG de Facenda e Orzamentos engadiu tres hándicaps que o mapa orzamentario do PP ignora: Galiza arrastra aínda as consecuencias das medidas aplicadas a partir de 2009 e das que aínda non se recuperou, sobre todo nos ámbitos dos servizos públicos, como exemplificou co recorte acumulado de 2.400 millóns na Atención Primaria; a espada de Damocles do déficit, recordando que tanto Estado, como Banco de España como a propia Xunta falan abertamente de dar por rematada xa esta fase de flexibilización e volver a un marco “que nos quita capacidade de gasto”; e a situación dos fondos europeos, “porque Galiza non ten garantido un trato xusto” e “ademais dos atrasos na chegada, a capacidade de execución de momento é mínima”.
“Polo tanto, a realidade adiantou xa a estes orzamentos, que chegan á súa tramitación xa absolutamente desfasados, e a un goberno que vai pola hora vella, sen capacidade de anticipación nin de reacción e que segue co piloto automático”, concluíu, para recriminar de novo que, diante desta situación, “no lugar de aplicar o diálogo e a escoita”, o Executivo de Feixóo “confunde a maioría absoluta coa verdade todopoderosa” ao rexeitar un ano máis as emendas da oposición.
As propostas nacionalistas vetadas polo PP
Nesta liña, reprochou o veto do PP ás emendas presentadas polo BNG encamiñadas a reforzar os servizos públicos básicos, impulsar un novo modelo económico baseado na innovación e a que Galiza entre nesta nova era con respostas axeitadas ante a crise climática e avanzando como un País con máis dereitos para ter máis calidade de vida.
Así, e logo de alertar sobre a ampla mobilización social que ese están rexistrando por toda a xeografía galega nos ámbitos sanitario e educativo, Presas repasou as emendas nacionalistas para fortalecer os servizos públicos e desenvolver un Plan de ampliación da rede de servizos públicos no ámbito social, á que engadiu a Proposición de lei que presentará o Bloque para un novo modelo de residencias baixo a premisa de garantir unha vez digna ás persoas maiores, fronte ao modelo “especulador no que a vellez é concibida como un negocio, coa drenaxe de recursos públicos absolutamente obscena para cebar empresas”.
Concretamente no ámbito sanitario, as emendas nacionalistas recollían un novo modelo de Atención Primaria, con aumento de persoal e creación de equipas multidisciplinares, diferentes partidas para a dotación de novos centros de saúde e atender as necesidades dos hospitais comarcais, así como unha partida específica de 42 millóns para un plan de continxencia que permita garantir a atención sanitaria e eliminar as listas de espera ou outra de 21 millóns para incrementar o Plan de atención á Saúde Mental.
En relación á educación, a deputada nacionalista defendeu un Acordo polo Ensino, con 105 millóns para reforzar o sistema educativo e dotalo do profesorado que precisa, fronte á supresión de 2.500 docentes en 10 anos denunciado polo Consello de Contas ou ao peche de máis de 180 centros. De igual xeito, o BNG avoga por un Pacto galego pola integración educativa e pola gratuidade dos libros de texto.
No eido económico, Presas recordou as emendas encamiñadas a atallar a crise industrial, modernizar os sectores produtivos e multiplicar o esforzo investidor en innovación, cun plan de rescate de empresas estratéxicas en crise -entre as que citou a Alcoa, Alu Ibérica ou Barreras-, un Plan para o fomento da actividade tecnolóxico e industrial para elevar o peso da industria ata o 25% do PIB en 2030 ou propostas no ámbito enerxético para que o papel produtor galego sexa motor de desenvolvemento económico con, por exemplo, a creación dunha empresa pública de enerxía ou o impulso dun novo modelo eólico.
A isto engadiu a Estratexia Galega de Emprego 2025, con especial atención ás mulleres e á mocidade, “que non aparecen neste orzamento”, un Plan de Apoio ás Persoas Autónomas, e o impulso de medio rural e o mar como piares estratéxicos, a través dunha batería de emendas para a recuperación, rexeneración e ampliación das zonas produtivas, o impulso do relevo xeracional ou un plan estratéxico para a pesca de baixura.
A deputada nacionalista fixo especial fincapé na urxencia de realizar un esforzo investidor en innovación fronte ao raquítico menos do 1% do PIB que realiza actualmente a Xunta, menos que no ano 2009, polo que incidiu na proposta do Bloque por un Pacto Galego pola Ciencia que comprometa o 3% do orzamento, algo que considerou “clave para facer o que non se fai neste proxecto orzamentario: pensar Galiza en grande, respondendo ao momento no que vivimos”.
De igual xeito, enumerou as propostas do BNG para dar resposta á crise climática, centradas na preservación do territorio e a biodiversidade, a mobilidade sostible e a economía circular e, neste sentido, exemplificou coas presentadas para abordar o ciclo da auga, coa Estratexia galega da Auga 2030, o Proxecto Rías ou o Proxecto Galiza dos 10.000 Ríos, así como a proposta de elaboración da Axenda Urbana Galega, que defina o modelo e as liñas de transformación das vilas e cidades galegas.
Así mesmo, defendeu un “verdadeiro” Plan de reactivación e impulso dos sectores culturais, a necesidade de volver ao consenso lingüístico abandonado polo Goberno de Feixóo, e un cambio de modelo nas políticas de vivenda do PP, cunha aposta clara polo incremento do parque público de vivenda en alugueiro e un Plan de garantía de acceso á vivenda para as persoas en situación de precariedade económica ou vulnerabilidade social.
Por último, referiuse ás emendas centradas en igualdade e feminismo, cun incremento dos recursos para a corresponsabilidade e a loita contra a violencia machista, despois de que, unha vez máis, o PP rexeitase destinar 1 de cada 100 euros a este obxectivo como propón o BNG. “Nestes orzamentos, o PP di unha cousa na retórica e fai outra na proposta de gasto; por iso, por responsabilidade, mantemos a nosa oposición e as nosas emendas”, concluíu.