O BNG censura a política lingüística do PP contra o galego

Ana Pontón critica “o optimismo” do Goberno de Feijóo ante os datos do IGE que confirman o retroceso da lingua galega

A deputada do BNG, Ana Pontón censurou hoxe a política lingüística da Xunta e o “optimismo” do Goberno ante os datos do Informe do IGE que confirma o retroceso no uso do galego.

Ante os medios de comunicación en sede parlamentar, a deputada asegurou que o resultado do informe confirma “un menor uso en Galiza da lingua galega” e para o BNG é unha mala noticia. Estamos, dixo, asistindo “a unha lenta e paseniña morte do noso idioma” e resulta “inaudito” que ante esta situación, a Xunta de Galiza faga unha valoración positiva.

Esas declaracións só se entenden por parte dun Goberno que ten “renegado e traizoado” os galegos e galegas e a noso idioma e que claramente aposta por unha política lingüística “xenocida”.

A deputada anunciou que o BNG presentará iniciativas no camiño de do debate na Cámara galega sobre o idioma, ademais de rexistrar novas iniciativas parlamentarias sobre o incumprimento do Plan de Normalización da Lingua galega.

Neste sentido, tachou de “esperpéntico” que a próxima semana no Parlamento galego teña lugar un acto para conmemorar o Plan de Normalización da lingua galega cando en realidade ese plan está “soterrado”.

É unha tristura, dixo comprobar como no Goberno galego hai persoas que atacan o idioma galego e impiden a súa normalización.