BNG avoga por manter a oferta educativa en Chantada para impedir o traslado do alumnado a outros centros e consolidar poboación no rural
A través dunha pregunta parlamentaria sobre as previsións da Conselleira de Educación para modificar a oferta educativa en Chantada, a deputada do BNG, Carme Aira, avogou por “manter a actual oferta para impedir o traslado do alumnado a outros centros” e, sobre todo, dixo, para consolidar a poboación no rural. Ao seu entender, “se os alumnos e alumnas se ven obrigados a estudar noutros centros esta circunstancia incide negativamente para fixar poboación”
E por outro lado, estaremos ante un centro, o Lamas das Quendas con 400 alumnos e alumnas mentres outros terán entre 60 0u 65.
Na súa intervención, Aira explicou que Chantada conta con dous institutos, O Val do Asma e o Lamas das Quendas, centros complementarios na súa oferta formativa para a poboación de Chantada e arredores.
No mes de febreiro facíase pública a intención da consellería de Educación de destinar a Formación Profesional do Val do Asma, co resto do alumnado ao outro instituto.
Para a deputada, esta decisión non resulta “entendible”, nin para a comunidade educativa nin para a poboación de Chantada xa que o Instituto Val do Asma é un centro que funciona “extremadamente ben” e as numerosas solicitudes de matriculación contribúen a que o alumnado poida escoller entre diferentes ofertas educativas.
“O máis incomprensible”, recalcou a nacionalista, é que a medida non fora tratada cos actores implicados e que a consellería non tivera en conta o rexeitamento de todos os ámbitos afectados pola falta de accesibilidade, incremento de alumnado con instalacións inadecuadas, sobrecarga para unha soa orientadora, ou falta de solucións para o comedor.
Durante este tempo houbo movementos sociais para reivindicar que se manteñan ambos institutos, constituíndose a Anpa do Val do Asma e mantear a oferta educativa para o vindeiro curso tal e como na actualidade pero descoñecemos si a consellería tamén está decidida a manter “as cousas como están”.
A xuízo da deputada, a oferta formativa de FP merece unha especial atención e debe resultar “atractiva” para a mocidade do interior con estudos enfocados a saídas profesionais que favorezan a “implantación de xuventude no rural”. Non podemos permitir que se perda a oferta formativa de Chantada e comarca baixo a obriga de materias con cinco alumnos ou alumnas. Este criterio, dixo a deputada, non “discrimina positivamente o rural” e avogou por manter a oferta, “á marxe do número de rapaces e rapazas matriculadas”. “Hai profesorado para impartir as asignaturas e non podemos castigar aos alumnos e alumnas e impedir o arraigo da xuventude no territorio”.A deputada esixiu “valentía” ao Director Xeral de Educación, José Luís Mira e un compromiso real para aplicar políticas que melloren a oferta formativa dos centros de xeito coordinado dentro do territorio porque non ten sentido, asegurou, que en toda a zona sul de Lugo se repitan ciclos de formación profesional e que alumnas e alumnos non teñan onde escoller, “hai que abrir o abano o máximo posible, facilitar o transporte público para o alumnado, aproveitar o potencial dos centros polas tardes, retirar a norma que cuantifica o valor das persoas que queren estudar, de modo que 5 valen e 4 non valen aínda que haxa medios para iso, o cal a máis de ser absurdo debería ser ilegal”.
As políticas que conducen á “competencia” entre institutos públicos, “son absurdas”, ao igual que autorizar a centros privados ciclos vixentes no ensino público.
A poboación, os cadros directivos, nais e pais e crianzas, debe ter a seguridade da oferta educativa e non a incertidume sobre o que pode acontecer no vindeiro curso, concluíu.