O BNG aspira a ser o referente político en clave galega da cidadanía rebelde e contestaria do País

O Consello Nacional do BNG fixo balance e valoración dos resultados electorais do 25 de maio coa conclusión de que reflicten unha contestación á Europa das finanzas e a centralización do poder en Bruxelas, un incremento da presenza das forzas políticas nacionalistas que apostan por procesos soberanistas e un fondo rexeitamento da sociedade ás políticas de recortes da Troika.

O portavoz nacional, Xavier Vence, fixo unha lectura en positivo dos resultados “nun contexto de dificultade” aínda que insistiu en que “non colma as aspiracións” do Bloque “que aspira a ser forza maioritaria que elabore alternativas pensadas desde Galiza e para Galiza”.

Como lectura tras o proceso electoral, Vence salientou dúas ideas forza tras a reunión do Consello Nacional: galeguizar o debate político e abrir un diálogo “franco e directo” coa cidadanía rebelde e contestataria do país. Todo desde o convencemento de que Galiza precisa unha alternativa en clave galega e que o BNG pode e debe ser capaz de transmitirlle a esa cidadanía rebelde que ten na fronte nacionalista o seu aliado.

“Temos que avanzar na galeguización do debate político porque as necesidades deste país son diferentes as de Madrid ou Catalunya, por exemplo. O son cando falamos de emigración ou de emprego, cando reivindicamos unha banca propia ou cando queremos romper coa centralización. Precisamos que as alternativas se formulen en clave galega e con forzas políticas propias”, explica.

En canto a segunda cuestión, Vence foi claro ao anunciar que o BNG quere abrir “un diálogo franco coa cidadanía rebelde, con todos os sectores sociais que teñen ánimo de rebelión e contestación para reforzar a necesaria alternativa nacional de esquerdas que precisa este país”, argumentou.

O Bloque vai por mans a obra de inmediato con eses obxectivos, comenzando pola realización de asembleas locais e comarcais abertas que concluirá con novas propostas para trasladar ao conxunto da sociedade.

Porque o BNG está convencido de que “comparte aspiracións” con moito do electorado que o 25M elixiu outras alternativas, co electorado “que rexeita á Troika, as políticas de recortes da dereita e que rexeita a corrupción que impregna aos partidos sistémicos”.

“O BNG quere dirixirse a ese electorado que comparte as mesmas aspiracións e ser o seu referente fundamental en clave galega”, insistiu Vence, quen quixo deixar claro que “non se trata de facer diálogos por riba entre siglas senón socializar ese diálogo e abrir pontes”. “Queremos ampliar a base social do nacionalismo con todos os que teñan Galiza como referente”, concluíu.