O BNG asiste ao Aberri Eguna centrado en reivindicar o dereito das nacións a decidiren o seu futuro
Unha delegación do BNG, encabezada por Xavier Vence, participa na manifestación do Aberri Eguna convocada en Iruñea.
O BNG apoia o proceso de paz, demanda maioritaria da sociedade vasco, como vía de resolución definitiva do conflito.
A soberanía e o dereito a decidir, reivindicación central do Aberri Eguna e que o BNG demanda para Galiza, son principios básicos para buscar unha saída xusta da crise.
Santiago, 20 de abril de 2014.- Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, participa xunto con outros membros da organización, nos actos de celebración do Aberri Euguna, que se están a desenvolver esta fin de semana en Euskal Herria. O BNG asiste á manifestación unitaria convocada en Iruñea pola rede Independentistak e apoiada por Eusko Alkartasuna, organización anfitrioa do BNG e mais por Abertzalen Batasuna, Alternatiba, Aralar e Sortu.
A celebración do Aberri Eguna do 2014 céntrase na reivindicación da soberanía e do dereito a decidir que a plataforma e organizacións que convocan perciben como un desexo maioritario en Euskal Herria. Esta reivindicación chega "nun contexto político, económico e social moi significativo", no que "o debate sobre o dereito a decidir dos pobos está aberto, tanto en Europa como en Euskal Herria" e nun momento no que Escocia e Cataluña conseguiron "poñer en marcha os seus propios procesos soberanistas".