O BNG arranca a precampaña das Municipais coa proclamación dos candidatos e candidatas das grandes cidades
Ana Pontón: "As eleccións locais son o primeiro paso para o cambio político que Galiza precisa e que aspiramos a liderar"
As forzas políticas estatais demostran cos feitos que se alternan na discriminación a este país, denuncia
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón manifestou hoxe, que o BNG encara as eleccións municipais “coa tranquilidade de ter unha organización unida, solvente e cun proxecto claro para mellorar a vida dos e das galegas desde os concellos” e moi poucos, dixo, “poden dicir o mesmo”.
Hoxe este Consello nacional, anunciou Pontón, ratificou as candidaturas das sete cidades galegas proclamando candidatos e candidatas, a Francisco Jorquera pola Coruña, Iván Rivas por Ferrol, Goretti Sanmartin por Santiago, Ruben Arroxo por Lugo; Luis Seara por Ourense, Xavier Pérez Igrexas por Vigo e Miguel Anxo Fernández Lores por Pontevedra e resaltou que todas estas persoas non foron escollidas por “ningún dedazo”, o resultado dun proceso asembleario onde é a militancia quen decide.
Para a nacionalista, a fortaleza do BNG son “os nosos gobernos municipais cun proxecto propio para Galiza” e neste sentido aludiu a Pontevedra como única “cidade referente internacional cun modelo propio” porque mellorou a calidade de vida, reduciu a mortalidade por atropelos, reduciu as emisións contaminantes, apostou polo comercio local e pola nosa cultura e identidade”, contrariamente, outras só destacan pola súa parálise, como Ourense incapaz de aprobar os orzamentos municipais ou polo despilfarro en luces para tapar a falta dun proxecto político para esa cidade.
No BNG, dixo a líder do BNG “queremos concellos que ofrezan alternativas propias, centradas na nosa realidade, que reforcen a nosa identidade e autoestima como galegas e galegos. Concellos onde o galego e a nosa cultura sexa defendida e apoiada .Queremos concellos comprometidos co público, que garantan a boa xestión da cada euro que sae do peto das cidadás, e que non despilfarren en obras megalómanas e erradiquen calquera tipo de favoritismo”.
Queremos concellos “onde a igualdade de xénero sexa elemento transversal das políticas públicas, concellos que melloren a vida das veciñas e veciños con servizos públicos, con calidade urbana, apostando por recuperar o espazo público para as persoas e superando a vella concepción das cidades como almacén de coches, pero tamén queremos concellos que defendan e poñan en práctica os principios democráticos máis avanzados: radicalidade democrática, defensa dos dereitos colectivos e individuais, participación social e laicismo.”
Pontón manifestou que “o BNG está a alza e iso vai notarse nas municipais e abriu as portas “a todas as persoas que compartan con nós a necesidade de defender Galiza, o seu dereito a decidir e construír alternativas que melloren a vida das maiorías sociais”.
O BNG RECLAMA UNHA AXENDA GALEGA
Na súa intervención Pontón volveu a reclamar “unha axenda galega” que sitúe no mapa a Galiza e fronte a irrelevancia política a que nos conducen as forzas estatais, incapaces de ter un proxecto propio de país porque mentres nos teñen entretidas con másteres, plaxios e demais corruptelas, “dispárase a factura da luz, os carburantes están polas nubes, súbennos outra vez as peaxes da AP9 e non hai solucións á precariedade e emigración da xente nova”.
Por iso desde o BNG queremos impulsar “unha axenda galega” para rebaixar o prezo da luz cunha tarifa propia, unha AP-9 libre da estafa das peaxes, poñer fin á ilegal e inmoral prórroga de Ence, unha Facenda propia que nos permita ter unha fiscalidade xusta para recadar todos os impostos, o que nos daría cada ano 3.500 millóns de euros máis para sanidade, educación, dependencia e creación de emprego e unha axenda galega que posibilite un novo marco político para decidir como galegos e galegas sobre o noso futuro”.
A portavoz do BNG cualificou de “realidade teimuda” a que constata un cambio de goberno onde PP e PSOE, co apoio de Podemos, cambian de posición en función de se están no goberno ou na oposición. “Temos a un Pedro Sánchez convertido en alternancia na discriminación con Galiza, co silencio cómplice de todos os deputados e deputadas electos e temos a un Feixóo máis preocupado de ser o recadeiro de Casado, que por solucionar os problemas dos galegos e das galegas”.
Onte mesmo, explicou Pontón, tivemos no Congreso un exemplo coa aprobación da exhumación de Franco do Val dos Caídos, e parécenos ben. Pero o que xa non nos parece tan ben e que se esquezan que para exhumar os restos do franquismo hai que devolverlle o Pazo de Meirás ao seu propietario que é pobo de Galiza.
LEMBRANZA A BAUSTISTA ÁLVAREZ
Na súa alocución, a portavoz nacional do BNG fixo unha mención á memoria de Bautista Álvarez, falecido hai un ano e do que dixo sempre “estará con nós”, pero sobre todo, sempre lembramos “a súa paixón por facer de Galiza un país próspero e con xustiza social, e Bautista sabía ben que para conseguir ese obxectivo, o camiño era, e sigue sendo, a defensa do dereito de Galiza a decidir sobre si mesma, a autoorganización e que o BNG é a mellor ferramenta que ten este país para poder avanzar, porque se algunha nación sen estado precisa do nacionalismo esa é Galiza”.