Congreso

O BNG apoia a prórroga do estado de alarma mais móstrase moi crítico coa xestión da crise por parte do Goberno central

Néstor Rego propón reverter a centralización e que sexa o Goberno Galego o que deseñe e execute o Plan de desescalada.

Os nacionalistas critican a incapacidade do Estado de xestionar con eficacia e as actuacións que poñen en risco dereitos e liberdades públicas.

O deputado do BNG sinala que a UE retratouse nesta crise como o que é: unha estrutura antidemocrática e insolidaria ao servizo das oligarquías e dos estados centrais.

O Bloque Nacionalista Galego aposta na continuidade por dúas semanas máis do estado de alarma, mais móstrase profundamente crítico coa xestión que o Goberno está a facer desta crise sanitaria. O BNG salienta a incapacidade do Estado, particularmente do Ministerio de Sanidade, de xestionar con eficacia esta crise.

O deputado, Néstor Rego, defendeu a actitude construtiva e propositiva que mostraron sempre os nacionalistas, mais foi crítico coas medidas económicas que adoptou o Goberno “por consideraralas insuficientes e en moitos casos inxustas”. Tamén cuestionou a centralización das decisións que se tomou dende un principio, que foi considerada polo BNG como un erro por deseñar medidas contra a emerxencia sanitaria “cun criterio uniforme pensado desde Madrid”, que non se adaptaron á realidade das diferentes nacións, como é o caso da Galiza.

“Acepten a nosa proposta de que sexa o Goberno da Galiza o que deseñe e xestione un Plan de desescalada adaptado á nosa realidade -salientaba o deputado nacionalista- rectifiquen, porque ás veces cando rectifican, acertan, como no caso das saídas dos menores. Asegúrolles que na Galiza hai millares de lugares máis seguros para unha crianza que un supermercado ou un banco”.

O BNG tamén se mostrou moi crítico coa escenificación militarizada da xestión, máis propagandística que práctica. “Fan declaracións que poñen en risco dereitos e liberdades públicas e actuacións que directamente os conculcan como aplicar o artigo 36.6 da Lei Mordaza, esa que ían derrogar de forma inmediata” sinalou Néstor Rego dende tribuna e que “non só non a derrogan, senón que a utilizan de forma improcedente para facer cumprir o Estado de Alarma”.

En relación co papel da Unión Europea nesta crise, o deputado do BNG sinalou que ficou retratada como o que realmente é: unha estrutura antidemocrática e insolidaria, ao servizo das oligarquías e dos estados centrais. E concluiu que outra Europa, “social, democrática e dos pobos, é posíbel e necesaria”.