BNG apoia as mobilizacións contra o espolio enérxetico convocadas en Galiza baixo o lema, "Eólica así Non"

Concentración eólicos

Noa Presas denuncia o enriquecemento das grandes empresas eléctricas coa  contribución da Xunta e o Goberno central e pide que ambos gobernos "escoiten á cidadanía" e rectifiquen cara un modelo eólico, "galego, xusto e sostible"


Reclama zonas de exclusión e medidas para garantir que os beneficios da xeración eólica revertan en todos os galegos e galegas

O BNG participa en todas as mobilizacións convocadas polo Movemento ecoloxista, en máis de vinte localidades do territorio galego, contra o espolio enerxético baixo o lema, "Eólica así NON".

A parlamentaria do BNG, Noa Presas afirmou en Ourense que urxe un "cambio das políticas enerxéticas" a favor dos espazos naturais e da cidadanía porque "nós xeramos electricidade e temos dereito a que esa riqueza reverta sobre todos os galegos e galegas".

Concentracións eólicos

A nacionalista, que participou na concentración en Xinzo de Limia, criticou que tanto a Xunta como o Goberno central "contribúen ao enriquecemento do lobby eléctrico" e apela a que ambos gobernos escoiten as demandas da cidadanía galega contraria a un modelo eólico depredador que está agredindo gravemente o territorio galego nun contexto de cambio clímatico no que elementos como a auga "deben ser preservados".

Por outra parte, cualificou de "atropelo" aos cidadáns o modelo impulsado polas grandes empresas eléctricas que coa conivencia da Xunta e o Goberno central están "furtando trámites de participación e aforrando trámites de avaliación ambiental" para que os seus proxectos eólicos continúen engordando os seus beneficios.

Presas reclamou un "cambio" para un novo modelo eólico "galego, xusto e sostible" e sobre todo, que teña en conta as necesidades do territorio, habilite novas zonas  de exclusión e garanta medidas para que os "beneficios  da xeración eólica revertan en todos os galegos e galegas".

Apelamos, dixo, a que a Xunta e o Goberno central "escoiten á veciñanza de todo o país e rectifiquen, dunha vez por todas, para acadar un modelo eólico que non continúe co grave impacto ambiental, social  e económico en Galiza" e que tamén, dunha vez por todas, recalcou, os galegos e galegas poidamos beneficiarnos da riqueza  eléctrica que producimos no noso país.