O BNG apoia a manifestación Touradas fóra de Pontevedra e esixe a erradicación das touradas
O BNG apoia á manifestación contra as touradas que convoca a plataforma Touradas fóra de Pontevedra para o próximo sábado, con saída desde a praza da Peregrina, ás 20 horas. O obxectivo da manifestación, segundo enuncian os portavoces da plataforma, é contribuír á sensibilización da poboación en contra da actividade das touradas e mais demostrar o apoio social que concita a causa da súa erradicación en Galiza.
Maltrato animal e reivindicación chauvinista
A actividade das touradas atenta contra os dereitos dos animais e constitúe unha excepción inxustificada á lexislación sobre o tratamento dos animais, agochada na afirmación de que as touradas son "cultura", cando son un acto explícito e tolerado de tortura, como denunciou Ana Pontón Mondelo desde a tribuna do parlamento galego. Así mesmo, chama a atención o empeño do Partido Popular en xustificar a actividade baixo a denominación de "festa nacional", nun exemplo claro da liña de afirmación da españolidade e da concepción chauvinista do estado e da cultura que defende o PP e secunda con entusiamo o PPdG.
Desbaldimento de fondos públicos
Así mesmo, o BNG ten presentado iniciativas denunciando o apoio público ás touradas, que no caso do estado español "chega aos 700 millóns de euros, mentres ao PP non lle treme o pulso en recortes no básico, na cultura, na educación e na sanidade", afirmou Ana Pontón. Así mesmo, a UE destina a través da Política Agraria Común (PAC) un mínimo de 130M de anuais á cría de touros de lidia, feito que Ana Miranda ten denunciado en Bruxelas, onde presentou, a carón dos parlamentarios de ERC, o informe Touros e impostos. Subvencións do Estados español e da UE para a tauromaquia e cría do touro.
Así mesmo, no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila presentou iniciativas para suprimir a emisión das touradas na televisión pública, por considerar que contribuían á difusión dunha cultura de violencia e maltrato aos animais. Nesta mesma liña, o BNG presentou iniciativas no Parlamento Galego para esixir a aplicación da prohibición para a entrada de menores de 16 anos nas touradas, medida que aprobou o propio Parlamento na lexislatura anterior pero que aínda non se conseguiu aplicar.