BNG acusa o PP de querer desviar a atención sobre un caso evidente de intereses compartidos entre Ence e Xunta
Luís Bará ratifica o conflito de intereses no nomeamento da nova directora xeral pola relación de parentesco co director de Ence para Galiza
Bará sorpréndese de que o PP “enarbole a bandeira do feminismo e acuse os demais de machismo. “Está o PP para presumir de feminismo”
O deputado do BNG, Luís Bará, acusa o PP de querer desviar a atención sobre un caso evidente e descarado de intereses compartidos entre Ence e a Xunta e insiste no conflito de intereses para criticar o nomeamento da nova directora de Calidade Ambiental, María José Echevarría, en contestación ás críticas vertidas no día de onte polo PP, nas que acusaba ao deputado de actitude machista.
“O que pon de manifesto esta sobreactuación do Partido Popular é o seu nerviosismo e un intento desesperado de desviar a atención sobre un caso descarado e evidente de intereses compartidos entre Ence e a Xunta”, asegurou, e cáusalle sorpresa que o PP “enarbole a bandeira do feminismo e acuse os demais de machismo”.
Bará insiste en que en ningún momento o BNG cuestionou a valía profesional de María José Echevarría”, de feito, ata agora ocupaba o cargo de xefa teritorial da Consellería de Cultura en Pontevedra “sen que ninguén cuestionase o seu cargo e o seu labor”, aclarou.
“O que denunciamos é a evidente incompatibilidade para un cargo no que vai ter que intervir e informar en procedementos de autorización, de avaliación ambiental, de control ou mesmo expedientes sancionadores sobre Ence ou sobre empresas da súa competencia”.
“Dá igual que sexa a muller, a compañeira, que sexa o home, un irmán ou unha irmá”, apuntou, para salientar que “o relevante neste caso é a relación de parentesco directo e o conflito de intereses real ou potencial que se deriva desta relación, ao ser a compañeira do director xeral de Ence para Galiza”.
“Está o Partido Popular para presumir de feminismo”, sentenciou.