parlamento galego

BNG considera escandaloso e reprobable o nomeamento da nova directora xeral de Calidade Ambiental

Luis Bará

Luís Bará ve sospeitoso o cesamento de Ramón Martínez Voga por María José Echevarría, compañeira do director territorial de Ence para Galiza

“Este nomeamento pon de manifesto a “conivencia entre a Xunta e as empresas enerxéticas e pasteiras” e as portas xiratorias entre PP e Ence”

O BNG rexistrou este xoves un conxunto de iniciativas para que a Xunta explique no Parlamento e rectifique o nomeamento da nova directora xeral de Calidade ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, por consideralo escandaloso e reprobable, ao ser a compañeira do director de Ence para Galiza. Tamén ve “sospeitoso” o cesamento de Ramón Martínez Voga só catro meses despois de acceder ao cargo.

O viceportavoz segundo do BNG, Luís Bará asegura que este nomeamento pon de manifesto a “connivencia entre a Xunta e as grandes empresas do lobby enerxético e pasteiro, así como a relación privilexiada entre a Xunta do PP , Rueda en particular, con Ence”, evidenciando as “portas xiratorias de dobre dirección entre o PP e Ence”.

“Cando dicimos que as grandes empresas teñen unha cadeira no consello da Xunta non o dicimos en sentido figurado, é unha verdade coma a copa dun eucalipto”, afirmou.

“Estamos ante un exemplo manifesto de conflito de intereses e de incompatibilidade polas actividades empresariais do seu marido, que foi director da fábrica de Lourizán e actual director territorial de Ence para Galiza, tendo en conta que esta empresa desenvolve a súa actividade no ámbito enerxético e pasteiro”.

Neste sentido, Bará advirte que a nova directora xeral terá que intervir en procedementos que lle afectan directamente á empresa do seu compañeiro, como é o caso da autorización ambiental integrada, o proxecto de interese autonómico de ampliación das instalacións de Lourizan (actualmente en tramitación), o seguimento do  pacto ambiental asinado entre a Xunta e Ence, ou o novo proxecto industrial que promove esta empresa nas Pontes. Igualmente terá intervir e informar sobre proxectos industriais da competencia de Ence.

Bará sospeita que este cambio de dirección xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade “pode poñer de relevo desavenencias da Consellería de Medio ambiente e tamén presións e diferencias en relación aos informes ambientais de proxectos industriais que están neste momento no foco da atención pública”, como pode ser Altri ou os parques eólicos.