A deputada do BNG, Noa Presas instou ao Goberno galego, a través dunha pregunta, a elaborar un estudo do actual valor económico do traballo doméstico en Galiza, situado no 50% do PIB segundo a última medición (Conta Satélite) publicada no ano 2013 respecto do ano 2010 e con base no 2008.
A parlamentaria do BNG acusou ao goberno de incumprir o Plan de Igualdade, durante 14 anos e a súa negociación na propia administración galega, así como a falta dun rexistro de familias monoparentais e as axudas prometidas polo propio Feixóo no tramo autonómico da renda.
Na súa intervención recalcou que a Xunta non cumpre a lei en “materia de Igualdade para a visibilización das actividades feminizadas” polo que avogou por un estudo do valor económico do traballo doméstico para marcar as liñas ademais de amosar unha realidade actual e as súas necesidades.
A parlamentaria insistiu en que é preciso coñecer esta realidade para medir o que supón para o PIB “o traballo doméstico realizado maioritariamente por mulleres” sen recoñecemento económico nin social porque esta actividade reporta máis que o “Xacobeo ou as industrias máis importantes de Galiza”.
O Goberno leva 14 anos sen cumprir o Plan de Igualdade
Tras a intervención da directora Xeral de Relacións Laborais, a nacionalista lamentou a resposta “escápista” de Elena Mancha aludindo ao Plan de Igualdade cando en realidade, respondeu a deputada do BNG, “non o están a cumprir nin sequera na súa propia administración”, dende hai 14 anos.
Para Noa Presas, o goberno galego está instalado na “comodidade” de non medir nin cuantificar a aportación do traballo doméstico á economía galega e mesmo “incumpren a lei” en materia de igualdade no artigo 29 sobre visibilización e actividades feminizadas no que atinxe a obriga da “consellería de Igualdade e traballo para elaborar unha Conta satélite co fin de cuantificar o valor do traballo doméstico de coidados e comunitario realizado por mulleres e homes e darlle a esta cuantificación económica publicidade social”. Temos un Instituto galego de Estatística que podería asumir estes resultados e coa colaboración das universidades e o CES a Xunta podería elaborar unhas conclusións para establecer as liñas futuras liñas de actuacións.
Estamos, dixo, ante unha crise económica que vai castigar gravemente ás mulleres e a resposta da directora Xeral de Relacións laborais é unha nova “escusa” para non elaborar o estudo que reclamos por considerar que as estatísticas non mudan a realidade. Evidentemente, recalcou a nacionalista non mudan a realidade pero serven para coñecela e establecer as futuras liñas de actuación.
“Antes da COVID necesitabamos saber máis sobre canto vale o traballo doméstico para soster a economía galega. Hoxe máis aínda, porque a administración debe usar as ferramentas que ten para coñecer a realidade e para actuar sobre ela”, recalcou
Neste contexto, as familias monoparentais teñen un extra de dificultades para a conciliación pola pandemia e neste ámbito, o BNG presentou no Parlamento galego diversas propostas que vostedes, unha vez máis, “vetaron”, concluíu.