parlamento galego

BNG acada un acordo unánime para que a Área sanitaria de Ferrol conte cun servizo de fisioterapia cos medios necesarios e mellorar o rateo de profesionais

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado reclamou  poñer en marcha  “unha carteira de servizos de profesionais”, derivados dende o MAP, e aumentar o cadro de persoal, até a ratio recomendada pola OMS

A través dunha proposición non de lei,  a portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado reclamou dotar dos medios necesarios o servizo de fisioterapia da Área sanitaria de Ferrol ante as deficiencias detectadas pola falta de profesionais neste ámbito.

A proposta do BNG, defendida pola deputada Montse Prado, acadou o apoio unánime da comisión de sanidade do Parlamento galego. A nacionalista anunciou que o BNG permanecerá “vixiante” a que se cumpra o acordo  porque “os doentes non poden seguir agardando en longas listas de espera  ou abocados á na sanidade privada”.

Na defensa da proposta,  Prado recalcou que a  falta  de profesionais é unha realidade “innegable” en moitas áreas sanitarias galegas pero esta insuficiencia  resulta  “especialmente preocupante” na  Atención Primaria na Área Sanitaria de Ferrol.  A deputada lembrou que só  16 profesionais atenden  174.398 tarxetas sanitarias activas, é dicir, un rateo  de 0,091 fisioterapeutas por 1.000 tarxetas, cifra  “por debaixo da media do SERGAS, do 0,1 e moi lonxe da recomendación da OMS que estima 1 fisioterapeuta por 1.000 habitantes”.

Á infradotación deste servizo, engadiu a deputada,  soporta outras  dificultades, como “a inexistencia da Carteira de servizos de Fisioterapia, e que a área sanitaria de Ferrol non facilite a derivación directa desde o MAP para consultas neste ámbito”.

Por outra parte, criticou que na   área sanitaria de Ferrol, a fisioterapia funcione case exclusivamente como un servizo de carácter hospitalario, e que as listas de espera  en Atención primaria se demoren tanto que expulsan ás persoas doentes  ás clínicas privadas. Nesta liña, lembrou que o  centro Fontenla Maristany  que atende  Ferrol, Cedeira e San Sadurniño,  ten unha lista unha  de espera  de  máis de 600 doentes, en  Fene,  500 persoas continúan agardando   e nas localidades de  Cedeira e San Sadurniño tampouco contan con este servizo.

Para a deputada, a Fisioterapia na sanidade pública debe ser considerada unha  ferramenta principal na Atención Primaria para mellorar a atención sanitaria e  favorecer a redución do gasto farmacolóxico, probas complementarias, interconsultas con especialistas, cirurxías, tempos de hospitalización ou transportes, ademais de influír positivamente nas situacións de cronicidade e dependencia, atendendo á evolución demográfica da sociedade galega, cada vez máis envellecida.

O BNG exixe que se cumpran todas as medidas recollidas  no acordo

Tras a intervención da portavoz popular, Encarnación Amigo que anunciou o voto favorable á proposta do BNG, e anunciou novas incorporacións de fisioterapeutas nos centros de saúde da área sanitaria de Ferrol, a  nacionalista reiterou que o BNG permanecerá “vixiante” para o cumprimento do acordo que inclúe a carteira de fisioterapia  en Atención primaria e que debe “ser unha realidade”. Este acordo, recalcou,  “non pode  quedar nunha  declaración de intencións do Partido popular” e debe poñer en marcha as medidas recollidas no acordo e  votadas por unanimidade.

O que hoxe votamos en sede parlamentar, dixo, “non pode quedar en papel mollado” e en frase como, está previsto ou se vai facer. Dende o BNG esiximos “concreción” e sobre todo que se “habilite a carteira de servizos” porque os fisioterapeutas contan coa cualificación e capacitación necesaria para actuar “ de maneira autónoma” en procesos neuro-músculo-esqueléticos.

Para que este acordo sexa unha realidade, reiterou a nacionalista, só é necesaria “vontade política” porque, “os traballos no Consello Técnico para habilitar a Carteira de servizos” continúan o seu proceso despois de seren iniciados  no ano 2019.  

“Póñanse as pilas” e melloren os rateos para mellorar a atención sanitaria da poboación  de Ferrol cara un servizo de acceso  directo a fisioterapia  “efectivo, eficiente e eficaz”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG