BNG acada un “acordo unánime” no Parlamento galego para instar á Xunta a garantir a actividade e emprego do Grupo de empresas Ganomagoga
A través dunha proposición non de lei, o portavoz de industria e deputado do BNG, Ramón Fernández instou á Xunta a iniciar todas as accións necesarias para manter a actividade e emprego do Grupo de empresas Ganomagoga. Ademais, o nacionalista tamén reclamou celebrar unha reunión coas partes afectadas e solicitar a incorporación da Xunta de Galiza á mesa ou mesas para negociar os EREs anunciados. A proposta defendida polo deputado do BNG acadou o “apoio unánime” da Cámara galega.
Na súa intervención, o deputado nacionalista tras saudar ao persoal da empresa Ganomagoga presentes no debate dende a tribuna de invitados, explicou que o anunciou de peche do grupo Ganomagoga afecta a 200 persoas traballadoras nos talleres de Ganomagoga, Aplimega, Ganomagoga Logistics e Cedval.
Este peche, dixo é unha nova mostra da crise empresarial do sector industrial galego con 15.000 empregos destruídos dende que o Feijóo chegou ao goberno hai case 14 anos.
A xuízo do deputado, a tendencia na destrución de postos de traballo no sector industrial abrangue mesmo ás renovables a pesar da propaganda do Partido popular sobre os beneficios dos parques eólicos terrestres e marítimos. Sen embargo, explicou durante esta lexislatura “pecharon as dúas fábricas máis emblemáticas de compoñentes eólicos en Galiza”, SIEMENS-GAMESA nas Somozas, e VESTAS en Viveiro. Dúas fábricas emblemáticas pertencentes a “dúas grandes empresas considerados líderes mundiais”.
GANOMAGOGA tamén é unha empresa emblemática nas comarcas de Vigo e do Condado, é a empresa industrial máis grande de Ponteareas e do Condado, histórica do sector metalúrxico da comarca de Vigo, con actividade no naval, na fabricación de grandes pezas de caldeiraría, montaxe e mantemento industrial e desde hai anos, vinculada ao sector eólico.
Non é tan coñecida coma SIEMENS ou VESTAS, pero foi a escollida polo grupo industrial GESTAMP, un dos grandes grupos industriais do estado español con beneficios de 260M€ o ano pasado, para impulsar o seu negocio de renovábeis. Da man de GANOMAGOGA, no ano 2008 montaron unha fábrica de torres eólicas no Carballiño, a primeira da empresa GRI INDUSTRIAS RENOVABEIS con 16 fábricas en 8 países.
Tras a disolución da sociedade GANOMAGOGA e GESTAMP, GANOMAGOGA comprometeuse a traballar en exclusiva para GESTAMP e aínda que descoñecemos os detalles do acordo, a día de hoxe a actividade de GANOMAGOGA está vinculada nun 80% aos traballos enviados pola fábrica GRI no Carballiño e case todos de fabricación de tramos de torres eólicas para VESTAS, e en algunha ocasión pezas das JACKETS que WINDAR fabrica en Navantia Fene para a eólica mariña.
Dun xeito sorpresivo, este grupo de empresas, con beneficios até o ano 2021, anuncia o peche de todas as súas empresas vinculadas ao sector eólico e o despedimento do 100% do seu persoal. Mon Fernández considerou que “o Partido popular e Partido socialista débenlle unha explicación ao persoal de GANOMAGOGA”.
A crise industrial busca convencer de que non existen alternativas a este modelo de “barra libre, de pase e sírvase”, que pode ser moi beneficioso para as grandes empresas eléctricas, e para as que apareceron coa intención de dar un pelotazo, mais o resultado final para Galiza, o resultado final para a sociedade galega, está ben á vista, “desmantelamento do noso sector industrial, perda de capacidades e destrución de emprego”.
Neste caso, “200 persoas na picota, que grazas á normativa laboral aprobada por M. Rajoy no ano 2012 e preservada polo actual goberno PSOE-PODEMOS e que estarán despedidas no prazo dun mes, sen que o goberno teña que aprobar nada”.
Para o deputado, o apoio unánime do Parlamento galego é un paso adiante para implicar á Xunta de Galiza a tomar todas as acción precisas para garantir a actividade e emprego no grupo de empresas Ganomagoga e a súa participación na mesa ou mesas de negociación dos EREs anunciados e confiamos, afirmou o nacionalista que “o acordo acado hoxe na Cámara galega sexa cumprido na súa totalidade”, concluíu.