BNG acada un acordo unánime para impulsar un protocolo contra as agresións e abusos sexuais nos lugares de ocio nocturno
O BNG acadou un acordo “unánime” para elaborar un protocolo de prevención e intervención contra as agresións e abusos sexuais no ocio nocturno.
Na defensa da proposta, a deputada do BNG, Olalla Rodil lembrou o acontecido no fin de ano de 2022 nun local nocturno de Barcelona. Unha violación, dixo, aínda por xulgar, cometida presuntamente polo futbolista Dani Alves nunha discoteca na que, afortunadamente, “todo o persoal ,desde o que traballa na barra até o persoal de seguridade, recibira formación e información en materia de violencia machista”.
Concretamente, insistiu Rodil, coñecían a existencia dun protocolo posto en marcha pola patronal do ocio nocturno xunto co concello de Barcelona e a Generalitat de Catalunya, centrado nas violencias sexuais que se poden producir nestes locais.
“Un protocolo moi completo que garante a protección das mulleres agredidas, con ferramentas para que o persoal saiba como actuar, garantir o acceso das mulleres aos recursos de apoio e acompañamento así como favorecer, especialmente, o labor de investigación policial en caso de denuncia”.
A verdade é que despois de facerse público o caso, dixo a nacionalista, puidemos constatar como a Delegación do Goberno español en Galiza tivo “máis ansia” por saír na prensa cun titular que por aproveitar o debate social xerado polo devandito caso e traballar con rigor na loita contra as violencias machistas nos establecementos de ocio nocturno, pasando mesmo por riba da hostalaría e da propia Xunta con competencias neste ámbito.
Na actualidade, explicou a deputada, “o Goberno español conta só cunha Guía violeta” que non aborda de maneira específica o ocio nocturno nin supón protocolo de ningún tipo e sen medidas concretas ao ser exclusivamente unha guía de carácter xeral.
Pola contra, a raíz deste caso, desde o BNG impulsamos esta proposición non de lei co obxectivo de que, situacións coma esta ou outras que acontecen no noso país e poden seguir acontecendo, sexan abordadas con todas as garantías e coas ferramentas necesarias para: “blindar os dereitos das mulleres agredidas. A súa atención, acompañamento e protección e formar e informar todo o persoal dun sector, que polas súas características rexistra moitas das agresións sexuais que se producen en Galiza”.
Aumentan as denuncias por violencia sexual en Galiza
Neste sentido, a parlamentaria sinalou que na actualidade, segundo os datos da enquisa realizada no 2021 pola Xunta, a respecto do 2020, aumentaron as denuncias por violencia sexual: delitos contra a liberdade e indemnidade sexual, + 29%, agresións sexuais con penetración, +32% e resto de delitos sexuais, +25%. Un incremento relacionado con que “denunciamos máis e toleramos menos”.
Cos datos do Ministerio do Interior, producíronse en Galiza durante o ano 2021, 707 delitos sexuais e en España unha violación cada catro horas
Intervencións de respecto e legalidade
Por outra parte, afirmou que en calquera intervención debe primar o “respecto absoluto” ás decisións da persoa agredida, a imparcialidade para aplicar o protocolo sen discriminación, cumprir a legalidade e seguridade xurídica, claridade sobre o que ten que facer cada quen e en cada momento así como actuar nas diferentes situacións que se poidan producir.
Tras a intervención da portavoz popular, Rosalía López Sánchez que propuxo unha emenda ao texto nacionalista, finalmente a deputada do BNG propuxo unha transacción para acadar un acordo por unanimidade baixo os seguintes puntos:
O Parlamento insta á Xunta de Galiza a:
- Abrir un proceso de diálogo con representantes do ocio nocturno, no marco do Observatorio galego da violencia de xénero, para impulsar a elaboración, aprobación e aplicación dun protocolo de prevención e intervención fronte agresións sexuais. O protocolo deberá incluír, entre outras, actuacións en todos os ámbitos (incluídos o sanitario e o policial) así como: formación e información específica dirixida ao persoal dos estabelecementos.
- Publicar o protocolo e todo o material ligado a el (sinaléctica, fluxogramas, anexos) a través do portal Web da Xunta de Galiza, para garantir a súa difusión entre os estabelecementos e calquera persoa que a título individual o queira coñecer.