O BNG acada un acordo para impulsar a escola de capacitación de pastores e ovino cabrún no ano 2019

Mini

A proposta defendida polo deputado do BNG, Xosé Luís Rivas, tamén recollía a posta en marcha de 8 módulos de formación para acceder ás axudas da PAC

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas defendeu hoxe, na Comisión de Agricultura unha Proposición non de lei que  acadou o apoio unánime tras aceptar o nacionalista unha emenda do Partido popular, para estudar a creación da Escola de Pastores.

O acordo obriga ao Parlamento galego a: “Instar   á Xunta de Galicia a estudar a posibilidade de crear unha Escola de capacitación de Pastores de ovino e cabrún no ano 2019, como se fai noutras comunidades autónomas como Estremadura, Aragón ou Valencia, que regule a formación para o futuro Desenvolvemento das actividades dos nosos gandeiros/as de ovino e cabrún coa implicación do sector aproveitando as redes de centros de formación e investigación da Axencia Galega de Calidade Alimentaria”.

O parlamentario indicou que  a gandería en extensivo de ovino-cabrún é un sector a protexer e dinamizar porque fixa poboación no rural,  xestiona o territorio, produce carne dunhas características inmellorables en canto a alimentación, manexo e ausencia de strés, e o máis importante, afirmou “ é  gando que garante  a seguridade  ao establecer cortalumes naturais porque son animais desbrozadoras”.

Xosé Luís Rivas amosou a súa satisfacción e agradeceu o apoio do resto das forzas políticas á  vella demanda dos propietarios de explotacións ovino-cabrún pero lamentou que non fora aprobado outro dos puntos  da proposta do BNG sobre a posta en marcha de 8 módulos de formación, 250 horas, para os propietarios de explotacións ovino-cabrún, formación  que deben acreditar  para cobrar as axudas acopladas da PAC ás novas incorporacións, cun  “mínimo de 25.000 euros por explotación”.

 Na actualidade, explicou o deputado do BNG, so teñen á súa disposición 5 módulos de formación telemática, formación que deben acreditar ter realizado nos  primeiros 36 meses do inicio da actividade.