O BNG acada un acordo para demandar a recuperación do Pazo de Meirás e anular os títulos da familia Franco
O texto do BNG, transaccionado co Partido popular, inclúe o rexeitamento do Parlamento galego do uso do Pazo de Meirás para facer apoloxía da ditadura franquista e do ditador
A proposición non de lei do BNG, defendida polo deputado, Luís Bará para demandar accións legais destinadas a recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público galego, rexeitar o uso do Pazo para facer apoloxía do franquismo e anular os títulos nobiliarios da Familia Franco, acadou un acordo unánime no Parlamento galego, tras unha transacción do texto co Partido popular.
Texto do acordo: “O PARLAMENTO DE GALICIA, DIANTE DA FALTA DE RESPOSTA DO GOBERNO CENTRAL CON RESPECTO AO ACORDO UNÁNIME (do Parlamento galego) do 12 DE XULLO DE 2018, ACORDA COMO RESOLUCIÓN REITERAR A DEMANDA AO GOBERNO CENTRAL PARA QUE INICIE DE MANEIRA URXENTE AS ACCIÓNS LEGAIS PERTINENTES PARA RECUPERAR O PAZO DE MEIRÁS PARA O PATRIMONIO PÚBLICO.
ASEMADE, AMOSA O REXEITAMENTO POLO USO DESTE BIC PARA FACER APOLOXÍA DA DITADURA FRANQUISTA E DO DITADOR, E DEMANDA QUE SE LEVEN A CABO AS ACCIÓNS PRECISAS PARA DEIXAR SEN EFECTO OS TÍTULOS NOBILIARIOS DO SEÑORÍO DE MEIRÁS E DUCADO DE FRANCO”.
O Parlamento insta á Xunta a dar traslado deste acordo ao goberno do Estado.
Na defensa da iniciativa, o parlamentario do BNG defendeu anular os títulos nobiliarios do Señorío de Meirás e Ducado de Franco e reclamou que o Goberno do Estado non centre unicamente os seus esforzos na exhumación dos restos do ditador do Val dos Caídos, iniciando accións para recuperar a memoria de moitas vítimas da ditadura e para ser leais con esa memoria, dixo, “hai que acabar coa pervivencia do franquismo e cos tribunais de xustiza que ditan leis que favorecen aos intereses da familia Franco”.
Bará avogou por converter o Pazo de Meirás nun lugar de “ exaltación, dignidade colectiva e honra á memoria de todas as vítimas”.
Durante a defensa da iniciativa, o nacionalista trasladou o seu apoio ao historiador Carlos Babío denunciado pola familia Franco pola súa investigación sobre a “fraudulenta adquisición do Pazo de Meirás” e acusou á Casa Real de complicidade coa familia do ditador a través dunha fotografía tomada no propio Pazo de Meirás que o nacionalista mostrou dende a tribuna.