O BNG abandona a tramitación do Plan de demografía por entender que é "unha burla"
Carme Adán reclamou a súa tramitación en Pleno coa comparecencia dun membro do Consello da Xunta
Os grupos parlamentarios da oposición, BNG-PsdeG e AGE abandonaron hoxe a Comisión 5º ao ser rexeitada a súa petición para que o Plan de Dinamización demográfica en Galiza fose tramitado en sesión plenaria.
Para o BNG, un Plan destas características non pode ser tramitado as presas en comisión. A deputada nacionalista, Carme Adán reclamou que o Plan demográfico sexa tramitado en Pleno polo procedemento ordinario e non con carácter de urxencia como pretende o Partido popular.
A actitude que mantén o Partido Popular co Parlamento Galego é intolerable
A parlamentaria explicou que tras as reiteradas ocasións nas que o Presidente da Xunta alarmou sobre a situación demográfica de Galiza, o PP pretende agora despachar rapidamente nunha comisión e coa comparecencia dunha directora xeral o Plan para a Dinamización demográfica de Galiza 2013-2016, Horizonte 2020.
Un Plan que supostamente debe ser transversal e dar solucións ao éxodo masivo da mocidade galega, o goberno da Xunta pretende que non sexa debatido no Pleno da Cámara galega, remarcou a deputada.
Esta decisión é inasumíbel para o BNG, dixo Adán e lembrou que despois de ter formulado unha queixa formal ante Mesa do Parlamento por esta cuestión, o PP mantivo a súa postura de tramitalo en comisión furtando aos grupos parlamentarios dun verdadeiro debate.
Ante a negativa da Presidenta da Comisión 5ª de pospoñer o debate, o BNG xunto co resto dos grupos da oposición decidiu abandonar a Comisión.
Na comparecencia ante os medios de comunicación, a deputada do BNG convidou ao PP a reflexionar durante a fin de semana e adoptar o luns unha decisión razonable na Mesa que reconduza esta situación.
Por outra banda, a oposición tamén mostrou as Propostas de resolución que tiña preparadas para o debate, a pesar de só dispor de 24 horas para poder confeccionalas.