O BNG abandona a Ponencia da Reforma electoral do PP e cualifícaa de pucheirazo electoral
Francisco Jorquera rexeita a condición inamovíbel establecida polo Partido popular para reducir escanos coa intención de "salvar unha maioría que sabe ter perdida"
O BNG abandonou hoxe a ponencia da Reforma electoral convocada polo Partido popular no Parlamento galego.
O deputado do BNG, Francisco Jorquera rexeitou a condición inamovíbel, esgrimida polo Partido popular para reducir o número de escanos na Cámara galega porque, ao seu xuízo, o PP pretende perpetrar un auténtico pucheirazo electoral que o BNG, nunca vai apoiar.
Para o nacionalista, o PP quere perpetrar un auténtico pucheirazo electoral usando a súa maioría e impor unha reforma á medida exclusiva dos seus intereses electorais.
As regras de xogo, explicou, non as pode cambiar só unha parte e á medida do seus intereses. O propio Feijóo, cando estaba na oposición, defendeu blindar a lei electoral de calquera forma, establecendo unha maioría cualificada para facela posíbel.
O PP utiliza o aforro como coartada
O deputado do BNG negou que o aforro defendido polo Partido popular, sexa a verdadeira razón para reducir escanos no Parlamento galego. Neste sentido, manifestou que o BNG propón nas súas emendas, (rexeitadas polo PP): Prohibir o reparto de papeletas polas candidaturas e envío de papeletas e propaganda electoral por correo ( subvencionado con cartos públicos). Esta medida, abondou o nacionalista, suporía un aforro moi superior á redución de escanos e melloraría a calidade da democracia, dificultando calquera tentativa de coartar aos cidadáns á hora de emitir o seu voto.
Jorquera recalcou que a proposta de reforma do PP pretende reter unha maioría absoluta que sabe ter perdida na sociedade, quere un Parlamento menos representativo e menos plural e canto máis se reduza a Cámara galega, maior será a desproporción entre o voto dos cidadáns e o seu reflexo na composición parlamentaria.
Finalmente, o portavoz do grupo parlamentario salientou que as propostas do BNG van dirixidas a profundizar na democracia: Eliminar o umbral mínimo para que as distintas candidaturas podan acceder ao reparto de escanos, reparto de escanos entre as distintas circunscricións e candidaturas por criterios de estrita proporcionalidade, paridade e alternancia de xénero nas candidaturas, prohibición do mailing e impulso das iniciativas lexislativas populares e consultas populares.