BNG-AA, única forza capaz de presentar en toda GZ alternativa nacionalista de esquerda ao PP o 24M
O Consello Nacional do BNG aprobou na reunión de hoxe os obxectivos políticos de cara aos comicios municipais do 24 de maio aos que se presenta reivindicándose como a única forza capaz de ofrecer unha alternativa nacionalista e de esquerdas para derrotar ao PP en todo o país, fronte a outras opcións que apenas se presentan nun puñado de concellos.
Vamos estar cubrindo en termos de poboación máis do 90% do país, é dicir, que a práctica totalidade dos galegos e das galegas van ter oportunidade o 24M de coller unha papeleta que representa un proxecto de esquerdas e nacionalista que é BNG-Asembleas Abertas, en palabras do portavoz nacional, Xavier Vence.
Con 240 candidaturas xa aprobadas ou en avanzado proceso de elaboración, o Bloque continúa avanzando na conformación das listas. O BNG xoga na primeira liga, na liga de ser unha alternativa ao PP en todo o país, ofrecendo a cidadanía un proxecto político común con alternativas e propostos concretas para cada concello pero cunha visión global de país, explica Vence.
Neste sentido, para o Bloque as eleccións municipais teñen unha importancia en clave local, -para construír concellos ao servizo da cidadanía-, pero van máis aló. Son un chanzo nun proceso máis amplo que debe concluír desaloxando ao PP do goberno da Xunta cunha alternativa nova que permita pasar a páxina negra do PP, subliñou.
Vence enumerou os obxectivos políticos para as eleccións do 24 de maio. Certificar a recuperación electoral do BNG, evidenciar ante a cidadanía que o Bloque é a única forza política nacionalistas de esquerdas con implantación en todo o territorio. Ademais, consolidar a representación nas grandes cidades e nos concellos nos que se está gobernando e obter presenza en todas as comarcas.
Igualmente, a formación nacionalista se fixa como obxectivo aproveitar os comicios locais para consolidar o proxecto político e organizativo do BNG en todos os concellos, renovando a base social do nacionalismo como estamos facendo a través do proceso das asembleas abertas, indicou Vence. Estamos incorporando a moitas persoas ás candidaturas que serán a base futura do proxecto nacionalista por todo o país, incluíndo xente nova,concluíu. O Consello Nacional tamén avanzou na elaboración da estratexia de campaña electoral, cunha imaxe renovada.