- Noa Presas avanza que coa xestión dos impostos poderase financiar tanto un plan de choque para o rescate dos servizos públicos coma un plan de emerxencia social para que ningún fogar fique sen ingresos.
- “Un país que non aprecie o seu mundo rural é evidentemente un país sen alma. E Feijóo non está facendo outra cousa que matando a alma deste país”, dixo Presas pola mañá en Castro Caldelas, en resposta ao candidato do PP
“O BNG quere que Galiza dispoña de plena capacidade fiscal para recadar e xestionar a totalidade dos impostos a través dunha Facenda galega”, dixo Noa Presas esta tarde durante un mitin en Baños de Molgas no que tamén participaron Maribel Poisa, número tres da candidatura por Ourense que encabeza Presas, e Xaime Iglesias, alcalde de Baños de Molgas.
Presas incidiu nas virtudes dunha Facenda galega, mediante a cal “poderemos obter máis recursos e autonomía para decidir cales son as prioridades de gasto; e as nosas, as do Bloque Nacionalista Galego son financiar os servizos públicos e o benestar social”, sostivo a candidata.
Presas vinculou a capacidade do futuro goberno galego para levar adiante dúas das medidas urxentes que propón o BNG á creación dunha Facenda galega. Sinalou que o BNG aposta por un plan de choque para rescatar os servizos públicos, “que inclúe necesariamente o incremento dos recursos humanos e materiais da sanidade e do ensino e sirva para frear a estratexia privatizadora de Feijóo”. Tamén aludiu Presas á grave situación de pobreza dunha parte da poboación galega e afirmou que urxe “un plan de emerxencia que teña como base a proposta de Renda de Garantía Social para que ningún fogar fique sen ingresos e poida garantir a subsistencia dos seus membros”.
Presas recordou que o BNG é “unha forza que historicamente estivo sempre ao lado dos desfavorecidos, tratando de corrixir as desigualdades para garantir unha vida digna a todos e cada un das galegas e galegos”. “Por iso”, continuou Presas, “durante esta campaña estamos vendo que a xente nos escoita, está con nós e nos percibe como unha forza leal co pais e confía no Bloque para gañarlle ese escano en Ourense ao PP que pode ademais ser determinante para as maiorías no futuro Parlamento”.
A ALMA DE GALIZA, SEGUNDO FEIJÓO
Pola mañá, Noa Presas mantivo un encontro con militantes en Castro Caldelas e participou nun reparto informativo na feira da localidade. Presas lembrou que a comarca de Caldelas é a comarca galega que presenta máis problemas de avellentamento da poboación e criticou as declaracións do día anterior de Núñez Feijóo nos Peares, onde o candidato do PP asegurou que o rural é a alma de Galiza. “Se de verdade pensara iso prestaríalle máis atención ao rural. Feijóo só se acorda das súas orixes cando vai de campaña. Un país que non aprecie o seu mundo rural é evidentemente un país sen alma. E Feijóo non está facendo outra cousa que matando a alma deste país”, dixo Noa Presas.