Aprobada no Parlamento a iniciativa do BNG para acometer o transvase na praia de Covas, en viveiro
- A deputada do BNG, Olalla Rodil tamén reclamou principiar un proceso de diálogo coa Plataforma Salvemos a Praia de Covas cara unha solución na fixación de area no areal
O BNG, a través dunha proposición non de lei defendida pola deputada Olalla Rodil acadou un acordo por unanimidade na Comisión de Ordenación do Territorio celebrada hoxe no Parlamento galego.
Tras a intervención da parlamentaria do BNG que ademais reclamaba iniciar un dialogo coa Plataforma Salvemos a Praia de Covas en Viveiro, o acordo obriga ao Parlamento a instar á Xunta a “acometer o transvase de area previsto na praia de Covas coa maior celeridade posible e a manter unha vía de comunicación directa e permanente con todas as persoas afectadas para procurar unha solución ao longo prazo para a fixación de area no areal”.
Para a parlamentaria este acordo suporá “unha solución temporal” aos graves problemas xerados polas obras do dique de abrigo do Porto de Celeiro. A nacionalista afirmou que o BNG espera que este acordo non se converta en “papel mollado” e que as actuación comecen canto antes.
Olalla Rodil agradeceu o apoio de todas forzas parlamentarias a unha iniciativa que daba traslado ás demandas veciñais.