Apoio unánime do Parlamento á iniciativa do BNG para que Galiza non quede excluída da futura rede ferroviaria europea de mercadorías
O deputado do BNG, Luís Bará defendeu unha proposición non de lei para defender ante as institucións europeas e o goberno central a integración do Corredor do Noroeste no órgano da UE que xestiona o transporte de mercadorías do Corredor Atlántico.
Tras amosar diversas fotografías para constatar “ a discriminación” de Galiza no documento oficial da plataforma de xestión do Corredor Atlántico, dependente da Comisión europea á que pertencen as axencias ferroviarias dos catro países polos que transcorre o Corredor Atlántico, o deputado nacionalista, cualificou esta circunstancia de “aldraxe e discriminación” do Goberno Central e da Comisión europea e “ pasividade da Xunta” en materia ferroviaria. Neste sentido, acusou ao goberno do PP de practicar o “inmobilismo” e falta de “planificación, previsión e impulso” como constata a elaboración da estratéxica loxística de Galiza para aos anos 2020-2028, aínda sen presentación pública.
O parlamentario lembrou que no ano 2013 o Parlamento europeo aprobou o trazado do Corredor Atlántico cos votos favorables do PP, gobernando Rajoy e a Ministra de Fomento, Ana Pastor, polo tanto, dixo, dirixíndose ao portavoz popular, José Manuel Balseiro, “vostedes sos os verdadeiros responsables da exclusión de Galiza”.
O nacionalista estendeu as súas criticas ao goberno central pola “discriminación de Galiza” na plataforma de xestión onde deben acudir os operadores ferroviarios para o transporte de mercadorías. O Goberno central, recalcou, coñecía esta situación, pero preferiu “ocultala” e ADIF é a xestora desta oficina.
Na súa intervención, Bará tamén lembrou ao portavoz popular que durante o goberno de Rajoy e Ana Pastor foi aprobado o “maior mazazo ferroviario” contra o ferrocarril galego coa supresión de trens, 106 á semana e 1.776 paradas e o peche de 20 estacións. Vostedes cando gobernaron en Madrid “foron os maiores inimigos do tren galego”.
Aprobada por unanimidade a proposta do BNG para impulsar o transporte ferroviario de mercadorías
A través dun texto transacionado, o Parlamento galego aprobou:
- Dirixirse ao goberno de España e autoridades europeas co obxecto de que o itinerario Noroeste do Corredor Atlántico- no que figura expresamente Galiza non sexa excluída do mapa deseñado para a posta en marcha do órgano xestor da futura rede ferroviaria europea de mercadorías.
- Convocar os axentes do transporte de mercadorías para demandar a revisión da exclusión de Galiza da rede de autoestradas ferroviarias.
- Demandar do goberno central a aprobación no presente ano do Plan Director do Corredor Atlántico, incluíndo nel todas as demandas relacionadas co Corredor Noroeste.
- Tendo en conta o atraso de Galiza en materia de transporte de mercadorías, demandar do goberno central un Plan extraordinario de investimentos na modernización do ferrocarril de mercadorías que equilibre e compense o escaso desenvolvemento que sofre o noso país nesta materia.