Ana Pontón: "Temos que xestionar desde Galiza os fondos pesqueiros"
- A candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón visitou hoxe Burela e Viveiro onde mantivo diversos encontros con armadores e exportadores, traballadores e traballadores autónomos e representantes do sector comercial
A candidata do BNG, Ana Pontón, acompañada da cabeza de lista pola provincia de Lugo, Olalla Rodil e diversos cargos institucionais do BNG visitou hoxe as localidades de Burela e Viveiro onde mantivo diversos encontros con representantes do sector pesqueiro, traballadores e traballadoras autónomos e representantes do sector comercial.
Tras a xuntanza cos armadores e exportadores de Burela (ABSA), a candidata nacionalista afirmou que “ os fondos pesqueiros deben ser xestionados dende Galiza” e sen ningún tipo de limitación para apoiar a produción e o desenvolvemento e non para que en Galiza “se desguacen barcos, para apoiar portos deportivos ou as instalacións de acuicultura que limita a nosa capacidade pesqueira”.
Tendo recursos e medios, dixo a candidata, “ podemos crear moito emprego” desenvolvendo a innovación e a transformacións deses produtos que pescamos no mar. “Temos experiencia acumulada e cun goberno que defenda o piar da innovación no sector pesqueiro seremos capaces de recuperar moito emprego para Galiza.”
A candidata do BNG reuniuse na localidade de Covas co sector da hostalería e traballadores e traballadoras autónomos aos que trasladou a necesidade dun maior apoio a este colectivo afectado gravemente pola crise económica.
Os intereses do sector pesqueiro son os intereses do BNG
Pola súa parte, a cabeza de lista pola provincia de Lugo, Olalla Rodil destacou o grande papel do sector pesqueiro na economía de Burela e da comarca da Mariña e da necesidade de manter un permanente dialogo co fin de recoller as súas demandas e trasladar as propostas do BNG que, en boa medida, dixo, “son coincidentes coas do Bloque Nacionalista Galego” e a partir do día 25 de setembro trataremos de defendelas como tradicionalmente facemos alí onde temos voz porque os “intereses do sector pesqueiro son os intereses do BNG”, recalcou.