Ana Pontón: "Somos a garantía de que Feijóo non vaia ter a vida extra que lle deron PSOE e Podemos a Rajoy"
- Feijóo demostra con Baltar que non ten compromiso algún nin coa igualdade, nin contra a corrupción: “É a súa Rita Barberá”
- A chave para romper a maioría absoluta está nos escanos que o BNG disputa a PP e Cds e acadar unha representación nacionalista potente
A candidata á Presidencia Ana Pontón elixiu Ourense para contrapoñer “a honestidade e dignidade” do BNG fronte a un partido a punto de sentarse no banquillo, que ten na deputación a proba da complicidade do candidato popular coa corrupción.
“A pregunta que me fago é por que Feijóo non se atreve a pedirlle a dimisión a Baltar despois desas conversas telefónicas que avergoñan, que agreden ás mulleres, que agreden a decencia, que agreden ás institucións. A reposta é que Baltar é a Rita Barberá de Feijóo”, conclúe, “a proba ademais de que carece de calquera compromiso nin coa igualdade, nin na loita contra a corrupción”.
Pontón volveu dirixirse ás persoas indecisas pero que non teñen dúbidas de querer derrotar ao PP. “Dígolles que o BNG está disputándolle escanos tanto ao PP como a Ciudadanos nas catro provincias, e que eses escanos son a chave para quitarlle a maioria absoluta a Feijóo. Un resultado potente do Bloque é imprescidible para derrotar á dereita e abrir un cambio real no país”.
Neste sentido, a candidata nacionalista ironizou sobre a “competición” entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias presentándose en Galiza como garantía dun cambio que non foron capaces de levar ao goberno do Estado.
A candidata tamén foi clara ao advertir que o 25S “está en xogo o futuro dos galegos e das galegas, non que líder e que forza estatal acumula máis poder político para unhas terceiras xerais”.
Remontada
Pontón puxo en valor a campaña “do optimismo, en positivo e con propostas” que está a ter un efecto remontada “porque somos a candidatura que confía no país. “Cada vez son máis as persoas mirar para nós tras ter comprobado no debate con Feijóo que temos un proxecto solvente e con experiencia para derrotar ao PP, por iso non quixo volver a debater co Bloque, porque que perde”.
Tras advertir que as enquisas “son un elemento máis para influír na campaña electoral”, instou a todas as persoas que queiran pasar a páxina destes oito anos do partido “da crise e da corrupción” a acudir as urnas o domingo, cun chamamento ás persoas indecisas. “Un resultado potente do Bloque é imprescindible para derrotar ao PP”, salientou en Ourense, onde compartiu mitin coa cabeza de lista Noa Presas.
“Este domingo as persoa queren un cambio real desde as nosas propias forzas, teñen no BNG unha alternativa sólida, solvente, con ambición de país que confía no que podemos facer como galegos e como galegas”, concluíu.
Na súa intervención, Noa Presas prometeu “manter no escano a dignidade deste pobo rebelde contra o PP de Ourense. Sen medo”, como fixeron Tereixa Paz, Suárez Canal e tod@s antes.
Plan retorna
Nunha provincia especialmente castigada polo envellecemento da poboación e pola emigración xuvenil, Presas puxo encima da mesa as propostas para empezar a darlle a volta a situación. Plan Retorna con 90 millóns de euros anuais para facilitar o regreso laboral dos emigrados e facilitar a conciliación familiar e laboral. “Como? Poñendo o país a producir para xerar emprego digno, con servizos públicos que permitan as mulleres desenvolver os seus proxectos profesionais sen renunciar a maternidade”.
Para que iso sexa posible, a ecuación é simple: poder político real e poder financeiro controlando os impostos e o aforro cunha facenda e unha banca públicas que permita marcar as prioridades de gasto e investimento desde Galiza, concluíu.