Ana Pontón: "Baltar é a Rita Barberá de Feijóo"
- “Se Feijóo tivera o compromiso para loitar contra a corrupción, Baltar non podería estar ao fronte da Deputación de Ourense”, afirma Ana Pontón
- No almorzo informativo da candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón afirmou que “ as declaracións de Baltar agreden ás mulleres e a dignidade das institucións” e preguntouse porqué non pode pedir a dimisión do Presidente da Deputación de Ourense ao non ser que “Baltar sexa a Rita Barberá de Feijóo”
No transcurso dun almorzo informativo celebrado hoxe na cidade da Coruña, a candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón afirmou que se Feijóo tivera un compromiso real para loitar contra a corrupción, “Baltar non podería seguir ao fronte da Deputación de Ourense” e cualificou as gravacións do titular da Deputación de “bochornosas” porque agreden ás mulleres e a dignidade das institucións. Pontón preguntou que razóns levan ao candidato do PP á Xunta a non pedir a dimisión de Baltar a non ser, dixo, que “Baltar sexa a Rita Barberá de Feijóo”.
A preguntas dos xornalistas sobre a visita de líderes estatais, a candidata do BNG considerou que non estamos ante un “ensaio xeral ante unhas terceiras eleccións no Estado, estamos decidindo o novo goberno e o noso futuro”. As forzas de ámbito estatal xogaron con moita irresponsabilidade, dixo, e coa confianza dos galegos e galegas que os votaron. Estes días que veñen a visitarnos, sobre todo os líderes da nova e da vella esquerda, “deberían explicarlle aos cidadáns porqué cando podían derrotar a Rajoy regaláronlle unha vida extra”, resucitando a un cadáver político e confundindo os acordos cun “xogo de tronos ou unha partida de póker”. Ademais, Pontón afirmou que debería darlles vergoña vir agora a dicirnos a todos os galegos e galegas que o que esta en xogo é derrotar a Rajoy, estaría ben que “predicaran co exemplo”, ironizou.
A candidata explicou que a campaña do BNG está centrada en alternativas ao igual, explicou que fixemos no debate da RTVG e criticou a “Galiza ideal”que tenta debuxar Núñez Feijóo ao que retou novamente a participar noutro debate, “porque aínda hai tempo”.
Ana Pontón cuestionou o marco de financiamento galego que resta capacidade para xestionar todos os impostos recadados en Galiza e explicou que si tiveramos unha facenda e unha fiscalidade propia, incrementariamos de maneira substancial os recursos da Xunta, “3.000 M€ nunha facenda galega permitiría incrementar as inversións en sanidade, educación e máis servizos públicos”.
Entre as medidas que o BNG aplicará despois do 25 S, Pontón destacou o Plan Retorna como oportunidade para que volva a xente nova que emigrou “ é necesario, recalcou crear emprego de calidade para reter o talento e tender unha ponte á xente que marchou para que poda volver”.
A candidata tamén criticou a “inestabilidade” das políticas do Partido popular e afirmou que nas eleccións galegas non está en liza “un xogo de tronos ou un cambio de cara e cadeiras”, a partir do 25 de setembro está en xogo o compromiso de abrir un tempo novo e un compromiso de cambio e para iso é preciso “un programa, vontade e valentía” e no BNG, temos as tres cousas.