Ana Pontón: “Seguimos traballando para facer posíbel a Galiza que soñou Bóveda, soberana e con futuro”

Homenaxe Alexandre Bóveda
Homenaxe Alexandre Bóveda
Pide declarar oficial  o 17 de agosto, "Día da Galiza Mártir” para reparar a figura de Bóveda e vítimas do franquismo, recuperar o Pazo de Meirás e unha  Lei de Memoria histórica galega

No acto de homenaxe a Alexandre Bóveda organizado polo BNG no concello de Pontevedra, a portavoz nacionalista, Ana Pontón apelou ao legado do galeguista asasinado polo fascismo, hai 83 anos, e afirmou o grande compromiso do BNG na honra da súa memoria, ideais e “amor por Galiza”. Esa, dixo Pontón, é a vitoria de Bóveda, “que hoxe continúe  habendo miles de galegos e galegas que loitamos polos seus ideais de liberdade e de igualdade para construír unha Galiza soberana e con futuro”.

Homenaxe Alexandre BóvedaHai  que mirar cara o futuro pero “non  desde a amnesia e a impunidade”, hai que miralo desde a “xustiza, a verdade  e a reparación a Bóveda e a todos os homes e mulleres que foron represaliadas, encarceradas, silenciadas, violadas, rapadas ou asasinadas por plantar cara ao xenocidio fascista en Galiza”, manifestou.

A portavoz do BNG lembrou que  40 anos despois do fin do réxime, segue  vixente o xuízo sumarísimo que condenou a Alexandre Bóveda a morrer fusilado e atado a unha árbore na Caeira.

O BNG ÚNICA ALTERNATIVA REAL PARA O CAMBIO EN GALIZA

Pontón criticou a “nula aportación” do goberno de Feixóo ás políticas de  memoria histórica e lembrou que o Partido popular vetou a proposta do BNG para unha  “Lei de Memoria Histórica de Galiza”. Os que nunca moveron un dedo durante 10 anos e destinaron cero euros  para a reparación das vítimas do franquismo ou a devolución do Pazo de Meirás e os bens espoliados, son os mesmos que  “hoxe pactan gobernos coa extrema dereita antigalega, xenófoba e machista, que representa o contrario dos ideais de Bóveda”.

Homenaxe Alexandre BóvedaDende o BNG, recalcou, “nin podemos nin queremos pasar páxina mentres non haxa xustiza, recoñecemento e reparación para todas e cada unha das vítimas do fascismo”.

En Galiza, temos unha axenda de memoria histórica propia, que  pasa pola devolución do Pazo de Meirás, a Casa Cornide, as esculturas de Isaac e Abraham e de todos e cada un dos bens roubados polos Franco ao pobo galego.

Unha axenda, engadiu,  que reclama anular todos os xuízos e todas as condenas ditadas polos tribunais franquistas e instaurar este 17 de Agosto como Día da Galiza Mártir como xesto de homenaxe ás vítimas da represión simbolizadas na figura de Alexandre Bóveda. Pero pasa tamén, por sacar  adiante unha Lei da Memoria Histórica de Galiza. E tédeo claro, será unha das primeiras leis que poñeremos en marcha en 2020, cando  os galegos e as galegas sexan convocadas ás urnas e aposten por  “pasar a páxina deste decenio negro de Feixóo e dun PP que camiña de ganchete da extrema dereita”.

O BNG é a alternativa real para que as cousas cambien a mellor en Galiza. En realidade, afirmou a nacionalista,  “somos a única forza política capaz de facelo: porque temos proxecto, ideas novidosas e non temos ataduras, nin a Madrid nin a grupos empresariais ou mediáticos”.

A mellor solución para non estar pendentes do que fan en Madrid é contar cunha facenda galega e cun concerto económico pero  nunca veredes nin o PP, nin o PSOE defender que Galiza teña competencias plenas en financiamento, “eles defenden os intereses de Madrid e non os de Galiza”.

Hoxe, explicou Pontón,  o Estado sigue vivindo unha profunda crise, e vemos de novo que papel lle dan as forzas estatais a Galiza:  “a irrelevancia política”. Onde están as propostas para solucionar os problemas deste país? “Non existen porque para PP, PSOE ou Podemos, Galiza é insignificante”, aseverou a portavoz nacional do BNG. Por outra parte, avanzou que o BNG irá “a por todas” no caso dunha nova cita coas urnas no mes de novembro.  “Deixaremos  a pel para que Galiza volva ter voz e peso político da man do Bloque Nacionalista Galego, porque ou o facemos nós ou, como quedou demostrado até enchernos de  indignación, ninguén o vai facer”.

No BNG temos un  proxecto serio e solvente, con ideas novidosas e con  respostas ás demandas deste tempo. “Traballamos coa man tendida a todas as persoas que queiran sumar para construír una Galiza con futuro desde nós. Esta é a  mellor homenaxe a Bóveda e a toda a súa xeración,  “construír unha Galiza moderna, xusta e máis  igualitaria”.

O  futuro, reiterou Pontón,  constrúese “co orgullo de ser galegos e galegas, desde a autoestima e desde a autoorganización, apostando porque sexamos os galegos e as galegas quen escribamos a nosa propia historia. “Ese é o futuro. E tede a certeza que estamos en momentos de avanzar”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG