Ana Pontón: “O referendo é unha proba de lume para o Estado que recorta dereitos e liberdades”
O BNG secunda a manifestación convocada pola plataforma Galiza con Catalunya a favor da celebración do referendo
A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a representación do BNG na manifestación convocada pola Plataforma Galiza con Catalunya en Santiago, baixo o lema Democracia é decidir, en apoio á celebración do referendo e do dereito da sociedade catalá a votar para elixir libremente o seu futuro.
“Estamos aquí para defender a democracia e o dereito a decidir, porque o Goberno de Rajoy pasou todas as liñas vermellas entrando nunha deriva autoritaria, reaccionaria que se traduce nunha agresión aos dereitos civís máis fundamentais”, salientou Pontón ao inicio da marcha.
Para a dirixente do Bloque non se pode criminalizar o lexítimo desexo dunha cidadanía que reclama o seu dereito a decidir “e como demócratas e nacionalistas imos sempre defender ese dereito a decidir”, e resulta “grotesco” ver un Goberno “perseguindo” urnas e papeletas ao tempo que recorta dereitos e liberdades “son as dúas caras da mesma moeda”.
“Por iso, as persoas que nos indignamos polos recortes laborais, da sanidade, polo rescate da banca ou polo roubo de dereitos, temos a obriga de estar na rúa reclamando que as persoas podan decidir libremente o seu futuro”, argumentou.
O referendo de catalá “é unha proba de lume para a democracia no Estado que nos está demostrando como os corsés constitucionais van en contra dos dereitos e das liberdades”, alegou Pontón, que trasladou ao pobo catalá unha mensaxe de apoio e solidariedade. “Que saiban que non están sós”, proclamou, “e dicirlle ao Goberno e ao PP que non aceptamos que se soterren as liberdades e que a única saída consiste en que o pobo catalá vote en liberdade”.
O Bloque vai ter presenza directa en Catalunya este domingo a través dunha delegación da Executiva nacional que actuará como observadora do proceso e fará seguimento da xornada. Esta delegación estará integrada por Ana Miranda, Montse Prado, Eva Vilaverde e Rubén Cela, quen visitarán distintos colexios electorais na cidade de Barcelona, desprazaranse ás sedes das forzas políticas que promoven e apoian o referendo e, finalmente, seguirán o reconto dos datos.
A formación nacionalista confía que a xornada descorra con normalidade para que o pobo catalán poda expresarse con total liberdade nas urnas. Precisamente para facer unha valoración do referendo, o Bloque adiantará a mañá do día 2 de outubro a habitual reunión da Executiva nacional dos luns, para analizar como transcorreu a xornada do referendo e facer a correspondente valoración política.