Ana Miranda, Montse Prado, Eva Vilaverde e Rubén Cela farán seguimento do referendo desde Barcelona
O BNG chama a participar na manifestación da Plataforma Galiza con Catalunya baixo o lema “Democracia é Decidir”
O BNG fai un chamamento á sociedade galega para que participe na manifestación convocada pola Plataforma Galiza con Catalunya baixo o lema Democracia é decidir, que se celebra este sábado en Santiago.
“Facemos un chamamento amplo e aberto en solidariedade co pobo catalá e pola celebración do referendo”, salientou o secretario de Comunicación, Xavier Campos, “porque fai tempo que a convocatoria do 1-O deixou de ser unha cuestión de independencia si, independencia non, para pasar a ser unha defensa da democracia, na que o 82% da sociedade catalá reclama poder expresarse para decidir libremente o seu futuro”.
Neste sentido, o BNG expresa a súa preocupación e a súa total condena ante as “actuacións represivas” do Goberno central con detencións, rexistros de empresas e de medios de comunicación, confiscación de material para a celebración do referendo, peche de páxinas webs informativas da convocatoria ou despregue sen precedentes de forzas de seguridade.
“Todo iso fai que haxa unha situación de excepción en Catalunya inadmisible nunha sociedade democrática en 2017”, alegou Campos.
Valoración que tamén comparte a Comisión de Dereitos Humanos da ONU que, a través dun comunicado, critica a actuación do Estado español e pide respecto aos dereitos fundamentais na celebración do 1-O, salientou o secretario de Comunicación, tras reiterar que a actuación do Goberno español, do PP e da Fiscalía son impropias dunha sociedade democrática.
“A separación de poderes está en cuestión, a actuación da xustiza non é inocente e responde a unha estratexia planificada polo poder político do Estado, unha percepción compartida pola maioría da sociedade catalá e unha parte moi significativa da cidadanía tamén fora de Catalunya”, indicou.
Campos informou que o Bloque vai ter unha representación directa en Catalunya este domingo a través dunha delegación da Executiva nacional que actuará como observadora do proceso e fará seguimento da xornada.
Esta delegación estará integrada por Ana Miranda, Montse Prado, Eva Villaverde e Rubén Cela, quen visitarán distintos colexios electorais na cidade de Barcelona, desprazaranse ás sedes das forzas políticas que promoven e apoian o referendo e, finalmente, seguirán o reconto dos datos.
“Esperamos que a xornada sexa unha festa participativa e que se celebre con normalidade para que o pobo catalá poda expresarse en total democracia”, indicou Campos.
Este 2 de outubro, o Bloque adiantará a pola mañá a habitual reunión da Executiva nacional dos luns para analizar como transcorreu a xornada do referendo e facer a correspondente valoración política.