Ana Pontón realiza unha visita institucional ao Concello de Santiago cunha reunión coa alcaldesa Goretti Sanmartín
No encontro previsto para este xoves abordaranse cuestións como a situación da vivenda, a taxa turística ou o estatuto de capitalidade
A portavoz nacional inicia en Santiago de Compostela a ronda de visitas que realizará a todos os concellos liderados polo BNG tras o 28M
Con esta cita no Pazo de Raxoi, a líder do BNG arranca a rolda de encontros institucionais que realizará por todos os concellos gobernados pola formación nacionalista como resultado dos comicios locais do 28 de maio. O obxectivo é coñecer de primeira man as prioridades dos distintos municipios no actual contexto de crise de prezos abrindo o camiño a que podan ser abordados en sede parlamentaria.
Neste sentido, no encontro entre Pontón e Sanmartín, a portavoz nacional ofrecerá á alcaldesa compostelá todo o apoio do BNG para sacar adiante aqueles proxectos que o goberno local considere importantes para a cidadanía, mesmo exercendo presión política desde o Parlamento para darlles solucións. En concreto, asuntos como a carestía da vivenda, tanto por prezo como por escaseza na oferta, que está dificultando e mesmo facendo imposible o acceso a un piso en Santiago.
Unha situación que se explica en parte pola falta de oferta de vivenda de protección, debido a un Goberno do PP que durante catorce anos dinamitou a política social de vivenda, sen poñer a disposición da veciñanza pisos accesibles a prezo taxado, sobre todo en réxime de aluguer e para a xente moza.
Outra cuestión que se analizará na reunión tamén susceptible de ser trasladada ao Parlamento é a taxa turística, tendo en conta que o goberno de Sanmartín xa ten remitido unha proposta de proxecto de lei de implantación desta medida ao Executivo do PP para a súa análise. Igualmente, o estatuto de capitalidade formará parte da axenda de asuntos a tratar entre ambas, en particular ante o feito de que Santiago está infrafinanciada en relación ao custe extra que supón ser a capital de Galiza.