Ana Pontón propón que se declare zona catastrófica as áreas queimadas ante o desastre ambiental, económico e social
“As persoas afectadas, ás que perderon as súas vivendas, teñen que saber que estamos todas aquí para axudar”, declarou desde o concello do Barco
Pide medidas estruturais contra a despoboación do territorio e o abandono do monte ante un crise climática que xera incendios máis virulentos
Traslada o recoñecemento ao inmenso traballo de todo o persoal de extinción, mesmo arriscando a súa vida en condicións de precariedade
A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou O Barco de Valdeorras e Pobra do Brollón, dous dos concellos máis afectados pola vaga de lumes, para coñecer in situ o alcance dos incendios que cualificou de “desastre ambiental, económico e social”. Por iso, a líder do BNG a declaración de zona catastrófica para as áreas máis impactadas polas lapas, como vía para obter todos os recursos necesarios para a súa recuperación, máxime tendo en conta o importante número de vivendas que foron pasto das chamas.
“A prioridade é apagar os lumes, pero hai que ir pensando no día despois e, neste sentido, propoñemos a declaración de zona catastrófica para que haxa axudas, recursos e se poñan todos os medios necesarios para a recuperación desas terras queimadas que, en moitos casos, teñen un alto valor ambiental e económico. É necesaria a colaboración de todas as institucións para que se reverta o dano que se está causando”, argumentou Pontón desde o concello do Barco.
Coa obxectivo prioritario de extinguir os incendios, Pontón demanda “que se mobilicen todos os medios que sexan necesarios para poñer fin á situación de risco nas zonas afectadas tanto en Ourense como en Lugo”. Pero a portavoz nacionalista tamén considera que esta vaga de lumes debe supoñer “un punto de inflexión” no drama repetido dun territorio que arde ano tras ano.
“Estamos vendo a virulencia e a gravidade destes incendios e todos e todas sabemos que os incendios apáganse no inverno, con medidas de prevención, con ordenación do territorio e apáganse poñendo freo ao despoboamento en moitas zonas do noso País”, salientou Pontón, tras manter un encontro co operativo ante lumes na sede do distrito forestal XIII Valdeorras-Trives. A dirixente do Bloque tamén considera clave combater o fogo con medidas estruturais.
“O combate contra o lume require medidas de carácter estrutural, porque non podemos limitarnos a lamentarnos cada vez que hai un incendio, é necesario que esta última onda sexa un punto de inflexión e de paso a unha pola limpeza e ordenación do monte, pola prevención e por outro modelo forestal, porque todo o que se está a vivir neste momento vaise agravar co cambio climático”, argumentou.
A portavoz nacionalista entende que “non se pode mirar para outro lado e hai que asumir que as cousas non se están facendo ben, acabar coa política de abandono do noso monte e tomarse en mudar un modelo forestal porque co actual non podemos convivir no futuro”.
Recoñecemento ao inmenso traballo de todo o persoal de extinción
Pontón reiterou a mensaxe de solidariedade, apoio e recoñecemento a todas as persoas que traballan nas labores de extinción, “mesmo poñendo en risco a súa seguridade e a súa vida”, como os bombeiros forestais e todos os efectivos das brigadas que se enfrontan a uns incendios de gran intensidade, “e sabemos que moitas veces o fan desde a precariedade e a falta de medios e recursos, é un labor social o que están facendo”.
Tamén fixo referencia especial ás persoas que perderon as súas vivendas, “sabemos que é unha situación durísima, desesperada, teñen que saber que estamos todas e todos aquí, para axudar, para empuxar e facer todo o que estea nas nosas mans para que esta vaga de lumes acabe canto antes”, concluíu.
Desde O Barco, a portavoz do BNG desprazouse á Pobra do Brollón, onde mantivo un encontro co alcalde, Xosé Lois Maceda, e coa veciñanza que tivo que ser desaloxada das súas vivendas.