Ana Pontón fixa como unha prioridade a colaboración institucional e axudas ás familias que perderon as súas vivendas nos lumes
O BNG demanda que o conselleiro de Medio Rural explique no Parlamento as carencias de medios humanos e materiais en plena vaga de incendios
Abandono e despoboación, monte sen limpar e territorio sen ordenar, causas estruturais dos lumes cun Goberno do PP incapaz de revitalizar o rural
A líder do Bloque traslada todo apoio e solidariedade as persoas que traballan na extinción e a cidadanía directamente afectada polas lapas
A portavoz nacional, Ana Pontón, traslada toda a solidariedade e agradecemento do BNG ás persoas que traballan na extinción de lumes, facendo un labor durísimo as veces con consecuencias dramáticas, como demostra o caso do brigadista falecido en Zamora, a cuxa familia envía todo o afecto ao tempo que desexa unha pronta recuperación ós feridos hospitalizados.
E tamén tivo palabras de apoio coa veciñanza directamente afectada polas lapas, moi particularmente coas familias que perderon as súa vivendas por mor dos lumes, até agora quince casas que arderon en San Martiño de Alixo no concello do Barco.
“É importante que estas persoas se vexan acompañadas polo conxunto das administracións que deben prestar todo o apoio e colaboración para que recuperen as súas vivendas e que, máis alá da circunstancia de que teñan ou non seguro, todas as familias conten co acompañamento e as axudas necesarias para que canto antes poidan recuperar as súas casas e restablecer as súas vidas”, explicou a líder do BNG.
O BNG puxo o foco na falta de medios de tal xeito que, en pleno 18 de xullo, hai brigadas antiincendios incompletas, -coa metade de efectivos dos que marca a normativa PLADIGA-, que aínda non se constituíran a maioría das brigadas municipais ou falten convenios cos concellos para dotalos de recursos básicos como a motobomba. Igualmente, denuncia que non haxa unha planificación dos puntos de carga para os hidroavións, “fallos que non se pode permitir un goberno”, criticou.
Por todo isto, o Bloque solicita a comparecencia urxente do conselleiro de Medio Rural para que explique no Parlamento que medidas está adoptando o Goberno do PP, como se van corrixir as deficiencias e as medidas se van adoptar para acabar co abandono do territorio porque, “sen obviar a importancia e ter un servizo de extinción potente, hai que ir a medidas estruturais para loitar contra os lumes da maneira máis eficaz, traballando todo o ano na limpeza, na ordenación e no aproveitamento integral do monte dentro dun rural vivo”, explicou Pontón.
Nese sentido, a portavoz nacional puxo o foco nas causas estruturais do “drama repetido” dos incendios: abandono, despoboación, falta de ordenación do territorio e falta de políticas para poñer o País a producir e conseguir un rural vivo.
“Temos un Goberno do PP que continúa sen ordenar o territorio, sen limpar o monte, sen investimentos suficientes en prevención e cando chega o verán, -cada vez máis secos- repítese a vaga de lumes”, destacou Pontón, que acompañou a súa denuncia con datos.
O 90% do territorio é rural pero unha gran parte abandonado, só un 3,9% da superficie agraria se destina a producir alimentos de consumo humano, fronte ao 25,5% de media estatal. Por contra, un 20% con foresta maioritariamente con especies pirofóricas, “hai que equilibrar e reordenar o territorio, con políticas que poñan o País a producir e combatan o abandono e a despoboación do rural”.
A portavoz do BNG tamén fixo fincapé en que esas medidas estruturais son máis urxentes e necesarias ca nunca cando estamos nun contexto de emerxencia climática.
“Sempre pode haber lumes, pero a súa dimensión e os seus efectos serán menores se temos un monte ordenado e multifuncional, limpo de biomasa que poida ser combustible para as lapas, e un territorio ben planificado e produtivo. Estes son os deberes urxentes nos que hai que traballar, pero temos un Goberno do PP que leva trece anos indo na dirección contraria e facéndonos máis vulnerables, sen enfrontar o debate de protexer o territorio”, concluíu.