Ana Pontón propón microcreditos a “xuro cero” para persoas emprendedoras e duplicar os fondos en I+D+i
- A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón visitou hoxe o concello de Carballo que puxo como exemplo “do bon facer dos gobernos nacionalistas” con políticas innovadoras como o Fórum Carballo que ofrece formación e oportunidades para a creación de emprego nunha comarca cunha grave crise
Tras ser recibida polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e membros da corporación municipal, a candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón visitou o Fórum Carballo e participou nun encontro cos representantes da Asociación de Empresari@s no Polígono Industrial de Bértoa aos que trasladou as “ propostas de creación de emprego e apoio do BNG ao emprendemento”.
A nacionalista propuxo entre outras medidas, crear microcréditos “a xuro cero” para persoas emprendedoras, duplicar os fondos en I+D+i e poñer en marcha naves nos polígonos industriais ao servizo de menores de 35 anos e mulleres “co aluguer gratuíto durante o primeiro ano se o proxecto empresarial no acada beneficios”.
Por outra parte, a candidata defendeu un plan de investimentos con medidas que faciliten o crédito xa que ao ano, asegurou, emigran do noso país 15.000 M€ que son investidos fora. Dende o BNG, dixo, queremos ter instrumentos que canalicen a inversión pública e privada e por iso necesitamos ter “unha banca pública e como primeiro paso transformar o IGAPE nun Instituto de Crédito para financiar os proxectos empresariais”.
A herdanza de Feijóo é máis paro e precariedade
Para a candidata, Feijóo deixa unha Galiza “con máis paro, precariedade e menos innovadora”. Dende que goberna Feijóo existen 135.000 persoas ocupadas menos en Galiza, estamos na cola de investimento en I+D+i do todo o Estado e a Unión europea e durante estes sete anos de Goberno Feijóo foron destruídas “a metade das empresas innovadoras”. Fronte a propaganda do Partido popular temos “unha grande crise industrial coa destrución de 11.000 empresas”.
Non faiaron as persoas os que faiaron foron os gobernos
A candidata avogou por abrir “un tempo novo” despois do 25 de setembro, que aposte pola calidade e a innovación para poñer a Galiza a producir porque, explicou, temos riqueza e potencialidade para saír adiante e “non faiaron as persoas, os que faiaron foron os gobernos”. Nós, reiterou, temos confianza no noso país e coas medidas adecuadas podemos xerar emprego de calidade. O BNG ten un programa que defende que todos os galegos e galegas “podamos vivir con dignidade e do noso traballo no noso país.